Entrevistas
29 de setembro de 2009 A Mariña-El Progreso
Suso Rey: 'Defensivamente non estivemos ben e iso condicionou o noso xogo'

O preparador do conxunto laranxa, Suso Rey, non quixo poñer escusas ante a primeira caída da tempada, o sábado pasado en Lanzarote (3-1), e recoñeceu certos erros no xogo do equipo. "O balance deste desprazamento é negativo, xa que pensabamos que podía ser un partido accesible e regresamos sen carga. O rival fixo unha formulación moi seria e nós non estivemos á altura", asegurou Rey.

O técnico considera que aos seus lles faltou regularidade e continuidade no xogo, algo sorprendente polo bo inicio de cada tempo. “Tivemos algúns momentos bos, sobre todo no comezo do encontro e á saída do descanso, pero aos poucos fomos caendo na trampa do xogo local e eles foron xustos vencedores”, asegurou o preparador da escuadra mariñá, que cre que o maior problema foi que o Lanzarote implantou o seu ritmo e o Burela FS non se atopou cómodo.

Outra das claves que explican o erróneo funcionamento dos laranxas logo de dous partidos a bo nivel foi o traballo defensivo do equipo. “Defensivamente non estivemos ben e iso condicionou o noso xogo. Somos un equipo que necesitamos defender ben para chegar con rapidez e verticalidade á área rival e non fomos capaces de facelo”, sinala Rey, que tamén cre que o feito de que o Lanzarote levara un só punto en dúas xornadas puido influír negativamente nos seus. “Talvez pecamos de exceso de relaxación nalgún momento, pero estabamos máis que avisados”.

Á hora de valorar a xustiza do resultado, Rey cre que o Lanzarote debeu gañar, a teor dos méritos de ambos os equipos, “aínda que os dous puidemos marcar máis goles, pero os dous porteiros estiveron a un gran nivel”, dixo.

O preparador burelao tamén fixo un repaso da xornada, referíndose ao triunfo do Illescas en Talavera e á caída do Gáldar en Andorra. “Estes marcadores, igual que o noso, demostran a tremenda igualdade que nos vai deparar este grupo. Ningún equipo o terá doado para gañar a outro e menos cando xogue como visitante”, sinala o técnico, que mantén a súa total confianza no equipo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores