Entrevistas
23 de febreiro de 2010 La Voz// Foto: Carlos Echevarría
Ro: 'Fisicamente non estamos no mellor momento e aínda así o Córdoba sufriu para gañar'

Só a efectos clasificatorios e numéricos o Burela FSF Pescados Rubén saíu mal parado do enfrontamento co Cajasur Córdoba, “o mellor equipo” na elite a xuízo da xogadora local Rosana. A moral e a ilusión do conxunto mariñán víronse reforzadas a pesar da derrota por 1-4. Iso indicou a futbolista anfitrioa na súa análise. “Demos a cara. Fisicamente non estamos no noso mellor momento e aínda así o Córdoba sufriu para gañar”, sinalou.

Sen deixar de recoñecer que o triunfo visitante foi “merecido”, Ro recordou que o Burela alcanzou o descanso con vantaxe (1-0) e os últimos tantos do Córdoba chegaron nos compases finais diante dun adversario “afanado na busca do empate”. “Aínda que elas estaban chegando moito, no descanso as sensacións eran boas, tiñamos esperanzas de defender a vantaxe no segundo tempo, pero ao final tanto foi o cántaro á fonte que acabou rompendo. Foron xustas vencedoras pero ao Burela non se lle pode reprochar nada, deu unha imaxe moi digna”, engadiu a pivote laranxa.

A derrota empuxa o cadro burelista ata o sexto posto da clasificación, unha posición “inmellorable”, resultado “do traballo que estamos facendo e a ilusión que temos todas”, di Rosana. “Á xente esquéceselle que somos un equipo recentemente ascendido e que moitas xogadoras somos novatas na elite”, sentenciou.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores