Entrevistas
4 de marzo de 2010
Parada en boxes e regreso ante o Pinto Cellosa Torrejón

Tras o 2-4 en Logroño con escalada ao cuarto posto incluída, o Burela FSF Pescados Rubén afronta a parada da División de Honra nun bo momento. “Deseñamos un plan de traballo para chegar sen limitacións a este tramo e así poder realizar, a partir de agora, un ciclo de adestramentos máis intensivo que nos proporcione o potencial suficiente para asumir novas citas sen eivas importantes”, asegurou Javier Pardeiro.

A un mes da Copa de España (Ourense, 9-11 abril), o adestrador laranxa non esconde a súa ilusión pola intervención burelista na gran cita do fútbol sala feminino. “A Copa é unha festa para nós; é o gran premio ao noso traballo e, como equipo gañador que somos, queremos dar unha boa imaxe, por iso trataremos de chegar nas mellores condicións, sen sacrificar o noso labor na liga” explicou Pardeiro, orgulloso da “predisposición ao traballo, humildade e motivación que veñen demostrando as miñas xogadoras dende o comezo de tempada”.

O cadro laranxa retomará a liga o 13 de marzo cun rival “co que non deberiamos ter demasiados problemas”, indica o preparador. O Pinto Cellosa Torrejón arribará a Burela sumido no remuíño do descenso, como pechacancelas da categoría con 5 puntos, unha realidade que a Pardeiro non lle garante a vitoria mariñá: “Aínda que a posición clasificatoria e o triunfo na primeira volta (3-8) nos dan como favoritos, o Burela FSF prepara todos os encontros con independencia do rival, co obxectivo de eliminar erros e manter a liña de evolución continua que nos levou ata a cuarta praza de Honra e coa que queremos rematar 2009-10 o máis arriba posible”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores