Entrevistas
16 de marzo de 2010 A Mariña-El Progreso
Pardeiro: 'Faltounos a pausa necesaria para manexar o ritmo e ler o partido'

O técnico do Burela FSF Pescados Rubén, Javier Pardeiro, non cre que a derrota (1-2) do sábabo pasado ante o pechacancelas, Pinto Cellosa Torrejón, fora por exceso de confianza nin por relaxación do seu equipo, senón que máis ben apunta a todo o contrario. “Eu diría que non ten explicación doada, pero o que creo é que non foi por relaxación, senón por precipitación, que derivou en ansiedade en moitas fases do encontro. Faltounos a pausa necesaria para manexar o ritmo e ler o partido”, sinalou.

O primeiro tempo desenvolveuse sen grandes ocasións para ningún dos dous equipos, xa que as burelás cometeron moitos erros e o Pinto mantívose á defensiva. “Non lembro un tiro do rival entre os tres paus, pero nós tampouco amosamos o nivel habitual”, explica o técnico, que no descanso lles pediu ás xogadoras que tivesen máis paciencia á hora de mover o balón para encarar con garantías o marco rival. “Parecía que encarrilabamos o partido porque fixemos o máis difícil, que era abrir a lata, pero despois volvemos ao de antes, a cometer erros pola présa excesiva en chegar á área rival”, dixo.

O técnico non quixo quitar un ápice de mérito ao rival, aínda que cre que o seu equipo lle facilitou o camiño do triunfo. “O Pinto traballou moi duro defensivamente porque sabía que era a única maneira que tiña de recoller algo positivo. Soubo aproveitar as facilidades que lle demos para gañar e non hai que poñerlle pégas ao seu triunfo”, sinalou.

Pardeiro é consciente de que a vitoria do Pinto se considera unha sorpresa, sobre todo porque a traxectoria burelá invitaba a pensar nun triunfo e a do rival nunha derrota. “Só podo dicir que o Pinto é xusto vencedor”, indica o técnico, que espera que o seu equipo saiba extraer conclusións. “Penso que esta caída lle vén ben ao Burela FSF para que non incorra nos mesmos erros. Temos que ter máis táboas ante este tipo de rivais que veñen defender e debemos pensar que ás veces chega con gañar 1-0. Non se pode facer un gran fútbol sala sempre nin é unha deshonra gañarlle pola mínima ao pechacancelas, aínda que sexa na casa”, concluíu o preparador laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores