Entrevistas
6 de abril de 2010 A Mariña-El Progreso
Lucía: 'Temos moitas ilusións postas en superar a primeira eliminatoria'

Unha das xogadoras máis expertas do Burela FSF é Lucía Nespereira, que ademais é a máxima goleadora laranxa, con 21 goles. A peche é consciente de que o seu equipo chega á XVI Copa de España, en Ourense, como pera en doce para o Femesala Elche, un dos favoritos ao título, pero non quere conformarse co papel que todo o mundo lles adxudica. “Imos xogar as nosas bazas. Estamos traballando moito para intentar dar a sorpresa e non renunciamos a nada. Non imos como vítimas, senón que temos postas moitas ilusións en gañarlle ao Elche e superar a primeira eliminatoria”, sinalou a xogadora, que non cre que o seu equipo teña moito que gañar e pouco que perder. “Iso é unha parvada. Se perdemos quedamos eliminadas e fóra da Copa. Temos moito que perder porque queremos avanzar todo o posible”, explicou.

O duelo co Elche na liga concluíu con triunfo para as ilicitanas, aínda que non coa superioridade que moitos podían prever. “Foi un encontro con dúas partes moi diferentes. No primeiro tempo pasaron por enriba de nós, pero no segundo fomos mellores e tivemos as nosas opcións para acadar algo positivo”, asegura a xogadora, que fala dos puntos fortes e febles do rival. “É un equipo moi experto, que leva moito tempo xogando xunto e que traballa ben a nivel colectivo. Talvez o seu maior problema é que non ten unha rotación moi ampla e acusa os cambios. A súa escasa profundidade de cadro pode beneficiarnos”, engadiu.

O choque do venres podería resolverse en pequenos detalles. “Se nos poñemos por diante no marcador temos moitas posibilidades de gañar o encontro, pero o que temos que pensar é que se imos por detrás non debemos poñernos nerviosas”, asegurou Lucía, que espera ver a mellor versión do Burela FSF. “Traballamos moito nas últimas semanas e espero que o plasmemos na pista. De feito, nos últimos encontros da liga acusamos esa carga de traballo, con dobres sesións que nos quitaron frescura”, explicou a xogadora que considera o Elche como un dos favortios ao título, xunto co Cajasur e o Móstoles. “Son os equipos que están loitando polo título de liga e iso quere dicir que están un chanzo por riba do resto”, concluíu a xogadora do conxunto mariñán.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores