Entrevistas
13 de abril de 2010 La Voz de Galicia
Edu: 'A nosa obriga é gañar os tres últimos partidos'

Cumprido o primeiro obxectivo, o Burela ponse a outra cousa no Grupo Norte da División de Prata. Tras asegurar de xeito matemático a súa participación nas eliminatorias de ascenso á elite, o equipo dirixido por Suso Rey agora ambiciona mellorar os seus números e se é posible a súa clasificación para encarar o decisivo play off con maiores garantías de éxito. “Hai que tratar de acabar a liga regular líderes ou como mellores segundos para ter vantaxe no factor cancha”, apunta Edu, convencido de que calquera destas opcións pasan por gañar os tres partidos que quedan.

O conxunto mariñán, que aínda debe visitar o Ribera de Navarra e o Valverde e entremedias recibir o Delta Badaxoz, sofre unha desvantaxe de catro puntos co líder Talavera, ao que lle queda por xogar nas pistas do La Muela e Gijón-el Llano e recibir o Lanzarote. “Necesitariamos que perda un partido e empate outro; é complicado que isto ocorra, pero a ilusión non nola quita ninguén. A nosa obriga é gañar os tres últimos partidos, logo xa veremos o que pasa”, engadiu o meta burelista.

O Burela certificou a súa presenza na fase de ascenso cunha vitoria por 3-2 sobre o Ram León na que Edu tivo moito que ver. Detivo un dobre penalti e tres ataques moi claros do conxunto leonés. “Tiven que traballar un pouco”, di entre risas, logo de recoñecer que o seu equipo se mostrou “moi espeso” na primeira metade e “máis enchufado” na continuación do partido. “É verdade que sufrimos moitísimo, pero ata nos puido vir ben porque na fase de ascenso case todos os partidos serán así, moi igualados”, sentenciou Edu.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores