Entrevistas
20 de abril de 2010 La Voz de Galicia
Suso Rey: 'Toda a presión é para o Talavera'

A disputa polo liderado do Grupo Norte da División de Prata cobrou emoción e interese. A diferenza entre os dous candidatos viuse reducida na pasada xornada, antepenúltima da fase regular, logo do tropezo do Talavera na cancha do La Muela (2-1) e o empate a domicilio do Burela FS ante o Ribera Navarra (2-2). O punto tamén lle serviu ao conxunto mariñán para asegurar a segunda praza da clasificación.

Sereno pola sensación do deber cumprido [o obxectivo inicial era o pase á fase de ascenso] e satisfeito polas consecuencias da igualada, o preparador burelao avaliou a situación actual e as obrigas do seu equipo nos dous últimos compromisos ligueiros. Na súa opinión o liderado está “máis accesible” que hai unha semana e “toda a presión” é para o Talavera. “Fixo o equipo pensando en ser campión de grupo e seguro que hai un par de xornadas non contaba con que puidese perder o primeiro posto. Na segunda volta xa perdeu catro partidos, a súa dinámica non é boa, e non pode fallar nas dúas últimas xornadas”, apunta Suso Rey. Entre as razóns que o impulsan a ser optimista tamén inclúe o momento de forma do seu equipo. “Levamos once partidos sen perder e só unha derrota en toda a segunda volta”, recorda.

Primeiro Dani Martín e logo Revilla foron os goleadores do Burela no encontro que disputou o sábado na pista do Ribera Navarra, no que “case sempre predominaron as defensas sobre os ataques”, contou Suso Rey, quen considera que ao seu equipo lle faltou “algo máis de acerto ofensivo”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores