Entrevistas
11 de maio de 2010 A Mariña-El Progreso// Foto: esfreus.net
Suso Rey: 'Demos o primeiro paso, pero debemos traballar para non deixarnos sorprender'

O técnico do Burela FS, Suso Rey, cre que a eliminatoria está “encamiñada, pero non decidida”, considerando “un gran paso” gañar fóra da casa ao Space Gasifred Ciutat d’Eivissa. “Está claro que agora temos vantaxe, xa que nos chega con gañar un dos partidos ante a nosa afección”, sinala o adestrador.

O preparador burelao considera que os seus xogadores interpretaron á perfección as consignas tácticas que se lles pediron, contrarrestando os puntos fortes do cadro local e manexando o partido con solvencia. "A pesar do que puidemos ler na prensa local, o equipo dominou o partido de principio a fin, coas lóxicas fases de incerteza. O Burela FS foi un conxunto ben asentado sobre a pista e impuxo a súa filosofía de xogo a pesar de xogar fóra da casa”, sinalou Rey, que viu como os seus se poñían xa por diante nos primeiros compases e sempre tiveron rendas significativas no marcador. “Aos 2 minutos e 20 segundos marcamos o primeiro gol, froito da nosa boa saída, e en poucos minutos deixamos de medrar. Controlamos o rival, fomos moi verticais e chegamos a ter vantaxes de 1-3 e 2-5”, dixo.

O cadro local tivo varios arreóns durante o encontro, sobre todo coa figura do porteiro-xogador, marcando os seus tres últimos goles atacando de cinco. “Encaixamos o segundo tanto a falta de poucos segundos para o descanso e no tramo final tamén houbo certas complicacións, xa que do 2-5 se pasou ao 4-5, pero tivemos boas oportunidades para sentenciar o partido, aínda que nos faltou finura na definición”, asegurou o preparador burelao, que cre que o partido de Eivissa foi unha continuación da liña que leva o equipo na segunda volta. “Está claro que mentalmente estamos nun gran momento; o equipo desborda confianza tras 14 partidos sen perder e nótase, aínda que fisicamente hai que recuperarse para o partido do sábado”, sinalou.

Rey quere rebaixar a euforia e evitar que os xogadores pensen que xa está todo o traballo feito na primeira rolda. O técnico subliña a importancia do segundo encontro para non xogarse a eliminatoria en 40 minutos. “Demos un primeiro paso, pero debemos seguir traballando para non deixarnos sorprender. Queremos chegar á quincena de partidos sen perder e decidir a eliminatoria o sábado. Hai que impedir que o rival medre”, asegurou o técnico.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores