Entrevistas
20 de maio de 2010
Graciela Lois: 'A aplicación da psicoloxía no deporte pode marcar a diferenza'

A psicóloga do Xacobeo 2010 Autos Lobelle de Santiago FS, Graciela Lois, foi a encargada de inaugurar onte as II Xornadas Formativas Burela FS, no IES Monte Castelo, cun relatorio no que explicou os beneficios que reporta a psicoloxía aos deportistas.

Lois entende a psicoloxía no deporte como “unha axuda fundamental porque pode marcar a diferenza, unha vez que están cubertas as outras áreas”. No entanto, na súa aplicación inflúe o tipo de deporte ou se se trata dun equipo ou un deportista individual.

No que respecta á súa experiencia no Lobelle, Graciela Lois explicou que “o obxectivo do club compostelán se centra en mellorar e potenciar os recursos dos xogadores e do corpo técnico, fronte a outros equipos que só buscan axuda nos momentos críticos, algo totalmente desaconsellable porque para obter resultados a psicoloxía débese traballar durante toda a tempada e con todas as persoas implicadas nun proxecto deportivo, dende os adestradores e xogadores ata a directiva e incluso os pais/nais das categorías inferiores”. Neste ámbito, Lois tamén advertiu que o labor dos psicológos se basea na potenciación das habilidades, “tan só en contadas ocasións, nos enfrontamos a problemas como a recuperación dunha lesión grave, o medo ao ascenso ou dificultades persoais que inflúen no rendemento deportivo”.

O IES Monte Castelo acollerá a próxima charla do ciclo mañá, ás 20.30 horas, a cargo do fisioterapeuta do Burela FS, David Mariña.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores