Entrevistas
20 de maio de 2010
Suso Rey: 'Este sábado a festa aínda será maior'

Que impresión lle deixou a primeira eliminatoria do play off?

- Estou plenamente satisfeito co traballo dos xogadores e só podo extraer conclusións positivas tanto polo pase á segunda fase como por superar o rival, Eivissa, en dous encontros. A nivel de desgaste, confianza e motivación foi moi importante non necesitar o terceiro partido. Cumprimos sobradamente, aínda que sufrimos, pero isto non é a liga regular e non hai posibilidade de fallo porque todos os equipos están ao máximo.

 

Sorprendeuno algún dos resultados da primeira rolda?

- Non esperaba o ascenso directo do Talavera; é un pouco sorprendente que un equipo que non gañou ningún partido da fase se faga cunha das prazas de Honra polos penaltis, precisamente fronte a unha dos mellores cadros de Prata. No entanto, para o Manacor puido ser un hándicap a súa espectacular traxectoria na liga; foi un equipo moi forte e apenas competiu, mentres que no noso grupo a clasificación estivo moi apertada ata a última xornada.

 

Como prevé a eliminatoria ante Puertollano?

- Van ser partidos moi abertos. O Puertollano é un conxunto con moita calidade ao que lle gusta xogar ao fútbol sala. A ausencia de Retamar será moi importante, pero seguen tendo un cadro impresionante -Isco, Fer, Kikillo...- co ataque como punto forte -Werner, Párraga, Johnny...-. A priori o Puertollano é favorito, tanto por persoal como por factor cancha, pero o Burela vai pelexar. O resultado deste sábado, en Vista Alegre, vai condicionar o resto da eliminatoria; se nós somos capaces de gañar na casa teremos moitas posibilidades de estar na terceira fase.

 

Como inflúe o apoio da Marea Laranxa para o Burela FS?

- Nos nove anos de historia do club, Vista Alegre sempre tivo un sexto xogador. Os rivais quedan asombrados coa inmensa afección do Burela; comentoumo Bartual (Eivissa) a semana pasada e xogadores do Puertollano, como Werner ou Eloy, xa o viviron en duelos anteriores. Somos un rival difícil porque en Vista Alegre é moi complicado xogar. Ante Eivissa, a afección foi determinante; cando o equipo ía 0-2 no marcador os cantos de ánimo non cesaron e a verdade é que hai que felicitar a todos os seguidores porque o apoio foi impresionante. Este sábado a festa aínda será maior.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores