Entrevistas
25 de maio de 2010 La Voz de Galicia
Ro: 'Non é lóxico que a estas alturas da liga haxa tantos equipos sen nada polo que loitar'

Cada vez son máis os partidarios de renovar o formato da División de Honra feminina. “Non é lóxico que a estas alturas da liga haxa tantos equipos sen nada polo que loitar”. A xogadora burelista Rosana súmase ás reivindicacións. “Hai varios xeitos de animar o tramo final da liga. Poderíase celebrar a Copa de España ao final, cos oito primeiros da clasificación, ou ben que o título se decidise cun play off coma na División de Honra masculina”, propón a goleadora mariñá.

A falta de catro xornadas para que conclúa o curso, só 6 dos 17 equipos que compiten na categoría loitan por obxectivos concretos: os dous aspirantes ao título (Cajasur Córdoba e Femesala Elche) e os catro candidatos ao descenso con posibilidades de salvarse (Castelldefels, Telde, Campillos e Arcos Logroño). Entre os equipos en terra de ninguén atópase o Burela, cuxa intención é “quedar o máis arriba posible”, asegura Rosana. “O obxectivo inicial cumpriuse con fartura”, recorda.

O conxunto dirixido por Javier Pardeiro vén de sumar un punto (4-4) na cancha do Diamante La Rioja, logo dun partido “moi aberto, que puido gañar calquera”, apunta Rosana, que rescatou un punto para o seu equipo cando só quedaban 21 segundos para o final. “Polo xeito que o conseguimos, o punto sabe mellor. Sorte? Outra veces foi ao revés”, sentencia.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores