Entrevistas
25 de maio de 2010
Suso Rey: 'Temos un 70% de posibilidades de seguir adiante'

Tras vencer no primeiro asalto ao Puertollano (5-2) e en plena preparación da recta final da segunda rolda de play off, Suso Rey salienta a vantaxe, numérica e anímica, con que o Burela FS recalará no Antonio Rivilla o venres (20.30 horas). ‘Agora temos un 70% de posibilidades de seguir adiante e trataremos de aproveitar a nosa vantaxe para sentenciar a eliminatoria’.

O preparador laranxa é consciente do golpe de efecto dado polo seu equipo en Vista Alegre, co apoio incansable da afección, pero tamén recoñece a capacidade de recuperación dos casteláns: “Fixemos un partido magnífico e estamos por diante, pero o Puertollano é un equipo feito para ascender e ten suficiente experiencia para afrontar a nova situación que o espera. Intentaremos recuperar xogadores e queimar o segundo cartucho para non chegar ao partido do domingo”, sinalou o adestrador do Burela FS.

Suso Rey considera que o resultado fixo xustiza ao que se viu sobre a pista. “Ole aos meus xogadores, á afección e a todo o pobo de Burela” asegurou o técnico, que destacou sobre todo a capacidade de sufrimento do seu equipo. “Creo que se plasmou na pista todo o que levamos traballando durante a tempada e especialmente durante a semana. Fixemos un esforzo defensivo tremendo para neutralizar o potencial dun dos mellores cadros de toda a División de Prata”, sinalou o técnico. “Foi un partido moi esixente no plano táctico e os meus xogadores estiveron de dez”, asegurou.

O adestrador burelista non se confesa moi partidario de recorrer ao terceiro encontro (domingo, 12.30 horas), no que ambos os equipos non presentarían as mellores condicións: “No caso de que eles gañasen o segundo partido da serie volveriamos estar igualados e no terceiro non imperaría o xogo, senón outros moitos factores como os nervios, o cansazo, a arbitraxe...” concluíu Suso Rey.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores