Entrevistas
26 de maio de 2010
Juanma: 'Trataremos de sacarlle beneficio á ansiedade do Puertollano para sentenciar a rolda'

O capitán do Burela FS e máximo goleador do play off, Juanma, xa está preparando as maletas para trasladarse esta madrugada a terras castelás, onde disputará ante o Puertollano FS Restaurante Dacho a recta final da segunda eliminatoria de ascenso a Honra. Os plans do Burela FS e do pivote alfocego pasan por un só encontro, o venres (20.30 horas). “Espero estar de volta o sábado. Será un partido moi complicado, onde o Puertollano vai despregar toda a súa agresividade nos minutos iniciais; xogará ao límite condicionado polo listón arbitral. A presión está do seu lado; por iso trataremos de sacarlle partido á súa ansiedade por gañar, independentemente do resultado, para sentenciar a segunda rolda”, explicou Juanma.

O capitán laranxa móstrase absolutamente satisfeito co papel do Burela na primeira cita, na que o equipo respondeu en todos os sentidos. “En Vista Alegre fixemos un partido moi completo e equilibrado. Puidemos ser verticais e desartellamos o xogo do Puertollano, baseado fundamentalmente no pivote; son bastante determinantes nesa posición e sufriron porque non dispuxeron de profundidade”, asegurou Juanma, que tamén fixo especial fincapé en que os méritos burelaos foron máis que suficientes para o 5-2: “A afección laranxa axudounos moito, pero en calquera outra pista se podería ver un partido semellante porque conseguimos que o rival non estivera cómodo en ningún momento e soubemos xogar co marcador”.

“En Puertollano faltaranos o arroupamento masivo de Burela, pero non nos sentiremos especialmente presionados. A cancha do Antonio Rivilla é moi ampla e a afección non pode facer tanta forza coma en Vista Alegre”, dixo o alfocego.

Aínda que inicialmente o Mariskal desbota a posibilidade dun terceiro partido, se as cousas se torcen un pouco, tampouco supón un drama chegar ao domingo (12.30 horas): “No terceiro encontro as forzas equilibraríanse e, aínda que o menos prexudicado sería o Puertollano, polo factor cancha, nós estamos preparados mentalmente para esta posibilidade. Benefícianos un partido de ti a ti porque poderemos ser fieis ao noso xogo, contar con espazos e dispoñer de transicións”, concluíu.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores