Entrevistas
14 de setembro de 2010 La Voz de Galicia
Claudia: 'Gañamos porque fomos un equipo en todos os sentidos'

A capitá do Burela FSF Pescados Rubén, Claudia, explicou o sentimento do cadro burelao ao final do partido ante o Ponte Ourense. “Estamos moi contentas e a alegría foi aínda maior, porque non eramos favoritas e chegamos con moitos factores en contra, como as lesións, o que fixo que acabásemos xogando a final só con sete xogadoras”, apuntou.

A xogadora focega sinalou que a clave da vitoria estivera en que “fomos un equipo en todos os sentidos e sacamos o noso orgullo para dar o 200% durante os corenta minutos”, afirmou.

A capitá burelista destacou o traballo de todas as xogadoras, pero moi especialmente o de Lara. “O ano pasado case non gozou de minutos, pero esta fin de semana tivo que xogar e estivo á mesma altura que o resto, achegándonos incluso á vitoria o domingo co primeiro gol do partido”, manifestou Claudia.

A xogadora focega considerou xusto a vitoria do seu equipo ante un conxunto ateigado de internacionais: “Aínda que tivemos que variar a nosa forma de xogar habitual polas ausencias que tiñamos, esperándoas atrás. Creo que foi unha decisión moi acertada porque o Ponte Ourense ten xogadoras moi rápidas que nos poderían coller moitas veces á contra se fósemos presionar arriba”, apuntou.

Claudia explicou tamén que durante varios minutos da primeira parte “apostamos por xogar con porteira-xogadora e na segunda parte, tras o 0-2 tivemos ata catro ocasións moi claras para conseguir un resultado máis amplo”, dixo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores