Entrevistas
29 de setembro de 2010
Purao: 'O obxectivo do Burela é traballar e medrar partido a partido'

Calidade, aval físico e profesionalidade definen o hispano-brasileiro Anderson de Almeida, Purao, pedra angular do Burela FS na etapa máis recente que aposta polo esforzo conxunto como a gran baza laranxa “na liga máis competitiva da miña experiencia en Prata”. “Ao Burela FS aínda lle queda moito por amosar. Todos os inicios son complicados, pero o noso obxectivo é traballar para ir mellorando partido a partido e, polo momento, estámolo cumprindo” dixo o peche.

Rodeado dos colegas laranxas, Purao celebrou o sábado pasado os 35 anos na súa terceira tempada burelista coa estrea de responsabilidades como cocapitán, nun encontro “positivo para as metas do Burela”. “Debemos sentirnos satisfeitos porque puidemos regresar de Andorra cun punto, unha das pistas máis correosas da categoría; soubemos reaccionar co marcador en contra e medramos na segunda parte, con numerosas chegadas a portería”.

Xunto ao incremento de rivalidade, pola redución a un grupo, o hispano-brasileiro ve un lastre para o Burela FS no descoñecemento dos rivais, unido aos longuísimos desprazamentos. “A primeira volta serviranos de toma de contacto con moitos conxuntos que ata agora competían no Grupo Sur e cos que non coincidimos, a non ser en fases de ascenso. Un deles será o próximo rival, Unión África Ceutí, que chegará moi ilusionado despois da vitoria ante o Navarra (3-1); no entanto, na casa non podemos deixar escapar os tres puntos” asegurou o cocapitán.

Segundo Purao e como xa se viu nas primeiras xornadas, 2010-11 ofrecerá unha liga con espectáculo que pode dar moitas sorpresas ata o final: “Entre os favoritos están os equipos que xa posuían ou se fixeron con incorporacións de sona, pero os nomes non serven nin para puntuar nin para ascender; só espero que os burelistas nos gañemos o privilexio de volver estar na loita de play offs”, concluíu o peche laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores