Entrevistas
20 de outubro de 2010
Silvia: 'Aprender co Burela FSF é toda unha sorte'

Pouco a pouco o labor que clubs mariñáns, como o CD Burela FS, están facendo polo deporte en igualdade e no impulso do fútbol sala feminino está dando os seus froitos na comarca, difundindo a práctica deportiva dende idades temperás. Unha clara referencia desta afección é Silvia Rubal Casas, unha rapaza burelá de 15 anos que compatibiliza os estudos coa competición no Ribadeo FSF e, dende hai un mes, tamén cos adestramentos do Burela FSF Pescados Rubén. 

Un dos primeiros contactos de Silvia coas ensinanzas de fútbol sala foi precisamente no Campus Mixto Internacional de Base Burela FS, en 2009. A grata convivencia coa dinámica futbolística, entre adestradores e xogadores, empurrouna decidamente a internarse neste deporte: “Meu pai xogaba ao fútbol sala e dende pequena sempre me gustou e practicaba no barrio cos veciños. Cando me decidín a buscar un equipo no que aprender en Burela aínda non había base feminina e entrei no Ribadeo FSF”. Dende entón, esta pequena promesa disputa a liga provincial co equipo ribadense e “algunhas veces tamén me chaman para o cadro de Autonómica”.

“Para min é unha sorte dispoñer da posibilidade de adestrar cun equipo de Honra; estou aprendendo moitísimo en técnica” confesou Silvia, que tamén destacou a profesionalidade do equipo laranxa. “Os adestramentos son divertidos pero tamén se nota a seriedade e implicación das xogadoras”.

Todas as sensacións desta pequena futbolista atopan o seu eco nas palabras do técnico, Javier Pardeiro, gratamente sorprendido coa evolución de Silvia. “É unha rapaza que apunta moi boas maneiras xogando como ala; demostra moita dedicación e ilusión polo fútbol sala. Leva tan só un ano adestrando e xa amosa un alto nivel técnico; vai ben encamiñada porque aprende con rapidez” explicou o preparador burelista.

Silvia únese ao labor do CD Burela FS transmitindo o seu entusiasmo polo fútbol sala e facendo un chamamento entre os máis novos, para que “se animen a probar porque o pasarán moi ben e aprenderán moito”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores