Entrevistas
28 de outubro de 2010 Foto: Balticflora Teplice
Turero: 'Deixo compañeiros excepcionais no Balticflora'

Tras unha curta pero tamén intensísima experiencia no fútbol sala checo, o mariñán Rubén Freije, Turero, regresou hai uns días a España e ao Burela FS. As dificultades económicas do que era o seu club en 2010-11, o Balticflora Teplice, interromperon a prometedora tempada do pivote, que estaba demostrando unha boa adaptación, dispoñendo de numerosos minutos de xogo. O deportista trabadense volve co recordo “duns compañeiros excepcionais, que o enriqueceron persoal e deportivamente”. 

Nestes dous meses e medio, Turero non quixo desaproveitar ningunha oportunidade; axiña conseguiu superar a morriña e salvar a distancia cultural. “Os primeiros días foron difíciles; era a miña primeira experiencia fóra de Burela e botaba de menos a familia e os amigos. No entanto, o ambiente do vestiario axudoume moito; a maior parte dos xogadores eran portugueses e brasileiros e esa proximidade cultural fíxome sentirme cómodo en pouco tempo”, explicou o burelista, que tamén recoñeceu o rápido acoplamento deportivo: “A comunicación co adestrador era doada, porque tamén era portugués, e a súa idea de ver o xogo era moi similar á española; ademais contei cos consellos do veterano Joao Leite”.

A súa relación co Balticflora foi cordial, aínda que moi afastada do coidado que se demostra nas entidades españolas. “O que peor levei foi a frialdade do club. O trato cara aos xogadores era moi distante, algo ao que non estou acostumado pola miña experiencia no Burela FS; tan só se preocupaban polos resultados, independentemente da situación e problemática de cada xogador”.

Esta falta de humanización intensificouse coa chegada de problemas económicos, nun club no que os obxectivos se marcan a moi curto prazo: “A retirada de certos patrocinios foi o detonante para recortar vestiario estranxeiro; encadeamos tres derrotas, con lesionados e sancionados, e o club non o entendeu” sinalou o mariñán. “Isto é algo impensable en España porque se sabe que calquera equipo pode ter altibaixos nunha competición longa. O importante era entrar en play off e esa porta non a tiñamos pechada; despois de seis xornadas, estabamos na quinta praza, de doce” explicou o futbolista.

Xa na casa, Turero só pensa en retomar a actividade: “A próxima semana reincorporareime aos adestramentos do Burela FS. Ata xaneiro teño tempo de reflexionar sobre a competición e o meu destino; non descarto nada, pero a miña primeira opción é seguir formándome en Burela e chegar a facer algo grande aquí” concluíu o pivote.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores