Entrevistas
1 de decembro de 2010
O Burela FSF reforza o vestiario coa brasileira Milena Gasparini

O Burela FSF Pescados Rubén amplía o vestiario coa chegada da brasileira Milena Gasparini, procedente do Kindermann Caçador. A ala-peche, que xa puido compartir algún adestramento co seu novo equipo, formalizou o acordo esta mañá, nas oficinas do club laranxa, xunto ao directivo Marcelino Luna.

Aos seus 27 anos, a do Burela FSF será a primeira experiencia para Milena (Vitoria-Espírito Santo, 1983) fóra do fútbol sala e fútbol brasileiro. Tras seis tempadas defendendo o Kindermann, no que coincidiu coa burelista Jozi, e cun bicampionato da Taça Brasil de Futsal, título de campioa e vicecampioa da Liga Nacional, bicampioa da Liga Universitária Brasileira, ademais de diversos títulos rexionais e de Jogos Abertos, no seu palmarés, a xogadora amosou a súa ilusión por esta nova etapa profesional: “Ter a oportunidade de xogar nunha liga tan prestixiosa como a española para min é unha vitoria persoal. Ademais de ser un paso de coraxe, como di meu pai, tamén é moi enriquecedor coñecer outras culturas e outros clubs”.

Milena agarda alixeirar a carga de minutos que ata agora soportaban as xogadoras laranxas, contribuíndo “con regularidade e boa execución táctica na miña función, ademais de achegar experiencia e versatilidade competitiva”.

Dende a directiva, Marcelino Luna destacou a incorporación de Milena como “un reforzo necesario para manter o nivel de competición do Burela FSF, que tivo que afrontar os primeiros meses da liga cun cadro escaso de efectivos poñendo o máximo da súa vontade e do potencial físico”. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores