Entrevistas
14 de decembro de 2010 La Voz de Galicia
O Burela FS aspira aos catro primeiros postos no ecuador ligueiro

O empate en Valencia non descadrou as contas dun Burela que aspira a alcanzar o ecuador do campionato entre os catro mellores equipos da División de Prata. “Sumando os seis puntos nos dous partidos que nos quedan teremos moitas posibilidades”, asegura o seu técnico, que continúa referíndose ao liderado como unha meta real e insiste en que o seu conxunto aínda dispón dunha importante marxe de mellora.

Suso Rey cre “xusto” o resultado final (3-3) do encontro disputado o sábado no pavillón valenciano, basicamente porque o dominio e as ocasións estiveron moi repartidas. “Eles foron mellores na primeira parte e nós na segunda”, resume. “No primeiro período non estivemos ben, cometemos moitos erros non forzados e fixemos unha mala selección de tiro e pase, co que lles facilitamos o seu xogo, as transicións rápidas. Na segunda metade cambiaron as cousas, porque apertamos moito máis en defensa, estivemos máis precisos na circulación e creamos moitos problemas. Ao final ata tivemos varias ocasións para gañar”.

Ao preparador burelense sóbranlle razóns para dar por bo e cualificar de “positivo” o punto logrado. “Fóra da casa sempre é importante non perder, porque calquera rival te sorprende, e neste caso máis xa que se trataba dun rival directo que desta forma non se nos vai. Ademais, os resultados que se deron foron favorables para os nosos intereses”, sostén Suso Rey.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores