Entrevistas
12 de xaneiro de 2011
Jacobo Díaz: 'Dende agora dependemos de nós para rematar líderes'

O novo ano comezou tinguindo de laranxa o liderado na Liga Nacional Xuvenil, tras a vitoria do Burela FS ante o Autos Lobelle de Santiago (2-1), en duelo directo. Os dous goles de Jacobo Díaz significaron a vitoria ante os composteláns e subiron os pupilos de Iván Cao, Lucas, ao cume clasificatorio. “Dende agora dependemos de nós para rematar campións; cada punto será unha final” dixo o burelista, que incidiu na importancia destes tres puntos: “A pesar da baixa de Manu puidemos desartellar a perigosidade do rival; fomos moi firmes en defensa e tiven a sorte de culminar os tantos da vitoria en dúas accións a balón parado”.

Con 16 puntos na súa cuadrícula, o Burela FS Xuvenil chegou ata a primeira praza grazas á súa imbatibilidade; en 7 xornadas, tan só o Azkar Lugo, que é segundo empatado a puntos, conseguiu roubar algún punto aos mariñáns, co empate (4-4). A clave deste bo desenvolvemento está, segundo o parecer de Jacobo, “no bo ambiente que hai no vestiario e nas ganas con que afrontamos cada partido, dando o máximo”. “Dende pretempada, o equipo conseguiu afianzarse moito; o mérito é do adestrador e de todos os xogadores” asegurou o futbolista.

A falta de dúas xornadas para o ecuador ligueiro, o laranxa amósase optimista. “Se mantemos a nosa liña, non deberiamos ter complicacións para comezar a segunda volta encabezando a táboa. O sábado visitamos o Leis Pontevedra, vicepechancelas, e remataremos con derbi mariñán ante o Puerto Celeiro, que está terceiro por abaixo. Temos que ser fieis ao noso mellor xogo independentemente do rival”, concluíu Jacobo.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores