Entrevistas
12 de xullo de 2011
A entidade laranxa presenta a Quique García como novo técnico do Burela FS

O CD Burela FS presentou esta tarde o que será o técnico do Burela FS en 2011-12, Quique García, substituíndo o mariñán Suso Rey. O adestrador xienense, que ascendeu o Fuconsa Jaén FS á Divisitón Prata en 2009-10, estivo acompañado polo presidente e vicepresidente da entidade, José Ramón González Casas e Manuel Blanco, na formalización do contrato.

Tras unha brillante traxectoria como xogador de elite, no Zeluan Jaén FS, Caja Segovia ou Playas de Castellón, e con numerosas convocatorias como internacional,  Enrique Javier García Martínez (Jaén, 1969) asumiu a dirección do Estinman Andújar FS en 2003-04 para levalo á División de Prata nese mesmo exercicio; despois de máis de dúas tempadas no Fuconsa Jaén, o andaluz pechou 2010-11 no Algarinejo FS, de Primeira Nacional A. O novo técnico laranxa tamén posúe experiencia como seleccionador autonómico, cos combinados andaluces sub-21 e sub-18.

Na súa presentación oficial, Quique García amosouse moi ilusionado coa etapa que comeza na Mariña, nun club polo que se decantou en virtude da solidez: “Considero que é unha das estruturas máis consolidadas e organizadas do fútbol sala, incluída a Primeira División. Ata aquí tráeme o proxecto e a confianza que depositou en min dende o primeiro momento o club”.

“Esa confianza quero devolvela con traballo; estes días comezaremos organizando a primeira plantilla e corpo técnico e a pretempada, para detectar as posibles necesidades. Dentro do plan organizativo, as categorías inferiores adquirirán moita importancia; a cadetes e xuvenís dedicarémoslles moitas horas de perfeccionamento e tecnificación” explicou o adestrador.

Con respecto á configuración da escuadra para 2011-12, o xienense quere ser fiel ao proxecto, apostando pola xuventude: “Hai xogadores que teñen contrato e quero contar coa base do ano anterior; temos que analizar en que postos específicos temos que reforzar o cadro. A xuventude será o eixe do equipo, aínda que tamén terán cabida os xogadores con experiencia”.

“O obxectivo dependerá loxicamente do cadro, pero pasa por estar entre os mellores da Segunda División como leva demostrando nos últimos anos; traballaremos por ofrecer o mellor fútbol sala para que a afección, acostumada á boa imaxe do equipo, poida seguir sentíndose orgullosa del” dixo Quique García.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores