Entrevistas
15 de xullo de 2011
A ala-peche Haydée, terceiro reforzo do Burela FS Pescados Rubén

A ala-peche Haydée Agras Moral xa é xogadora laranxa; así foi presentada esta mesma mañá na compaña do directivo do CD Burela FS Marcelino Luna, na sede do club. A viguesa, procedente do UCAM Murcia, convértese no terceiro reforzo do Burela FS Pescados Rubén, despois da incorporación da ala-pivote Patricia González Mota, Peque, e a ala Maite García de la Montaña, dende o FSF Rioja Diamante.

Formada nas categorías de base do Olivo Vigo FSF, en 2002-03 Haydée (Vigo, 1984) fichou polo Riazor FSF coruñés, pero para dar o salto á División de Honra, tres tempadas máis tarde, tivo que trasladarse ao Levante e incorporarse ao club murciano. A futbolista cualificou a súa chegada a Burela como “un soño feito realidade porque podo volver a Galicia para xogar na máxima categoría”. “Coincidindo co remate dos meus estudos, tiña ganas de cambiar de aires; tiven varias ofertas pero a miña intención era regresar a Galicia e decidinme pola proposta do Burela porque é un proxecto serio, cun equipo que está medrando” explicou a ala-peche, que tamén falou da nova etapa que a agarda na Mariña:  “Os meus obxectivos principais serán os do club; espero adaptarme axiña e asimilar a dinámica de traballo con celeridade”.

Dende as filas burelistas, Marcelino Luna destacou “a experiencia da nova incorporación, que chega ao equipo como unha clara referencia defensiva”.

A xogadora, que xa compartiu experiencias co alumnado do campus laranxa, loou o traballo de formación que está realizando o CD Burela FS, especialmente co alumnado feminino, “un labor no que Galicia, xunto con Madrid e Murcia, sobresae entre as demais comunidades”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores