Entrevistas
19 de xullo de 2011
Juanma: 'A valentía será o principal aliciente do Burela FS na nova tempada'

O capitán da nave burelista, Juan Manuel Marrube, cumprirá o oitavo exercicio defendendo as cores do Gran Sol Laranxa. “Gústame a mentalidade de Quique García; despois das primeiras conversas que mantivemos, estou convencido de que o noso principal aliciente será a valentía, saíndo sempre a expoñer e buscando estar entre os mellores” dixo Juanma, que será xogador do Burela FS dúas tempadas máis, despois de selar o acordo hai uns días coa xunta directiva. O Mariskal seguirá á fronte do equipo mariñán a pesar de que xa recibiu outras ofertas: “Burela sempre foi a miña primeira opción tanto pola fiabilidade do proxecto coma polo contorno”.

Manuel Blanco incidiu na fortaleza dos lazos existentes entre o xogador e a entidade. “Juanma é unha das referencias no conxunto laranxa; ambas as partes mostramos o noso interese por manter a relación e así puidemos pechar o acordo. Para nós é unha satisfacción seguir traballando con el por un proxecto que ilusione, contando sempre coa garantía que nos brinda a magnífica afección ao fútbol sala na comarca”, dixo o vicepresidente laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores