Entrevistas
21 de xullo de 2011
A pegada goleadora de Víctor Cachón aférrase á Mariña

A pegada goleadora de Víctor Cachón, a do pichichi laranxa 2010-11, aferrarase á Mariña unha tempada máis despois de formalizar a súa continuidade coa entidade burelista. O xogador andaluz, de 24 anos, convértese na segunda renovación do Burela FS 2011-12, tras o capitán, Juanma, nun conxunto que estreará a Quique García para dirixir o banco laranxa.

Acompañado polo directivo do club burelista Antonio Rodenas, o ala-pivote zurdo volveu amosarse tan ilusionado como o primeiro día: “Hai un ano cheguei a Burela coa ilusión de xogar o primeiro play off da miña vida. Despois de pasar un excelente ano non dubidei nin un só momento en seguir aquí”. “Sería moi precipitado marcar obxectivos moi concretos para 2011-12, pero na liña en que se está perfilando o cadro, entre renovacións e xogadores que aínda teñen contrato e algún posible reforzo, poderemos ter moitas posibilidades” vaticinou Víctor Cachón, que tamén declarou a súa entrega total para beneficio do equipo “intentando dar incluso máis do que poida”.

“Xuventude, dedicación, traballo e, sobre todo, optimismo son calidades que fan de Víctor Cachón un xogador cun proxección envexable” dixo Antonio Rodenas facendo fincapé “na capacidade do xogador para superar unha lesión complicada o inverno pasado e chegar ao tramo final da tempada en perfecto estado”.

 

BAIXAS. Adriá Esteller, que cumpriu o seu ano de contrato en 2010-11, non continuará vinculado ao club burelista a vindeira tempada. O xogador catalán, de 26 anos, recalou no Burela FS con ampla experiencia na División de Prata, tras un exercicio no que alternou o fútbol sala español, no Playas de Castellón, e o italiano, no GS Giovinazzo (Serie A2).  O que tamén causará baixa nas filas mariñás para 2011-12 será o ala-peche gaditano David Richarte, Paleta, que  rematou a pasada campaña no Superti-A Pontenova, de Primeira Nacional A, tras o acordo acadado co club laranxa no mercado de inverno.

O CD Burela FS agradece o traballo de ambos os xogadores durante a súa etapa na Mariña e deséxalles sorte na súa carreira.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores