Entrevistas
29 de xullo de 2011
Claudia, un ano máis de compromiso laranxa

A focega Claudia Rodríguez xogará un ano máis no Burela FS Pescados Rubén, despois de asinar o compromiso laranxa onte pola tarde xunto ao directivo Marcelino Luna.

A ala-peche transmitiu o seu orgullo por asumir un novo reto co equipo mariñán na que será a cuarta tempada defendendo a cor laranxa. “Co interese amosado dende a directiva e o apoio que nos brindou nestes anos a afección, sobre todo na Copa de España, non podía facer outra cousa que continuar con este proxecto. Mantendo a progresión destes dous exercicios en Honra, temos a responsabilidade e o estímulo de marcar obxectivos máis ambiciosos” expresou Claudia ilusionada, que confía en seguir recollendo éxitos burelistas: “Creo que temos o mellor equipo da nosa traxectoria. A chegada de Peque, Maite e Haydée dará o equilibrio necesario ao bloque de anos anteriores para converternos nun rival moi difícil”.

“Claudia é unha referencia óptima para todas aquelas nenas mariñás que comezan a coñecer o fútbol sala”, dixo o Marcelino Luna, que destacou a implicación da focega durante o último exercicio como monitora do equipo infantil feminino da ED EON Burela FS, “tarefa da que se volverá encargar o vindeiro curso”. 

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores