Entrevistas
19 de agosto de 2011
Iago Míguez: 'A mellor recompensa no regreso ao Burela FS sería o merecido ascenso'

“Comezo unha etapa moi motivadora; veño con ganas e ilusión para facer cousas importantes. A mellor recompensa sería o merecido ascenso, un obxectivo polo que o club leva tantos anos pelexando; como un burelao máis, creo que o equipo o ten máis que merecido”. Así definiu Iago Míguez (Burela, 1991) a súa reincorporación ao Burela FS, tras catro anos no Azkar Lugo FS, no cadro que liderará Quique García en 2011-12.

O ala-pivote, acompañado polo presidente e o vicepresidente do club, José Ramón González Casas e Manuel Blanco, na súa presentación, agradeceu a disposición e o interese amosados dende a entidade laranxa. “Sempre me sentín moi apoiado pola directiva do Burela; en repetidas ocasións me amosaron o interese polo meu regreso. Sendo un xogador da base laranxa non podía renunciar a un proxecto da casa, que todos os anos loita por acadar a Primeira División; por iso solicitei a carta de liberdade no Azkar” dixo Míguez, que tamén quixo facer referencia á súa etapa transportista: “Estou moi agradecido polo trato que recibín, polo apoio e tamén porque tiven a oportunidade de adestrar e aprender con xogadores de moi alto nivel, pero o corazón sempre tirou por volver á casa”.

O burelao recoñeceu que regresa como un deportista máis experimentado e perseverante: “Volvo como un xogador máis formado, coa experiencia que dá a Primeira División. Con esixencia, traballo e constancia estou seguro de que poderemos recoller moi bos froitos ao final de tempada.  Pola miña parte, renderei ao máximo tanto en ataque coma en defensa”.

Con respecto á vindeira cita do Burela FS, o Memorial Celso Currás de Trabada (sábado 20, 18.30 horas), o mariñán destacou o aliciente que supón xogar contra o seu anterior conxunto: “Vai ser unha competición moi bonita, con moito nivel. Na nosa semifinal, ante o Azkar, poderá haber moitas sorpresas xa que ambos os dous cadros chegamos con caras novas”. Iago tamén falou da emoción con que agarda o inicio da liga e o regreso a Vista Alegre para xogar de laranxa. “Vai ser moi especial; dende que entrei na escola do Burela FS sempre desexei chegar algún día a ser un xogador do cadro sénior. Espero responder como se merecen o club e a afección” matizou o ala-pivote.

Dende as filas laranxas, José Ramón González Casas e Manuel Blanco manifestaron o orgullo do club por “ter de novo entre nós a unha das xoias formadas na nosa escola. Sentímonos privilexiados por contar coa contribución de Iago, un xogador moi novo que non só posúe experiencia na máxima categoría senón que tamén é internacional sub-21”.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores