Entrevistas
10 de outubro de 2011
Javier Pardeiro: 'Demostraremos que somos un equipo'

O Burela FS Pescados Rubén ten mañá unha cita coas semifinais da XXI Copa Galicia (pavillón municipal de Lalín, 19.30 horas) para validar por terceiro ano consecutivo o título autonómico, nun encontro no que o conxunto laranxa non só terá que facer fronte ao impoñente nome do Ponte Ourense, senón que tamén terá que medrar ante a mingua de efectivos. No entanto, o que para outros serían adversidades inasumibles, para Javier Pardeiro e as súas xogadoras non son máis que alicientes: “Dobraremos esforzos e demostraremos que somos un equipo; a cohesión do noso grupo xa nos deu a forza necesaria noutras ocasións para conseguir o obxectivo”.

“É evidente que para nós non resulta a mellor data; non chegamos nas mellores condicións, coa ausencia de Jozi, que está disputando o Sudamericano 2011 coa selección brasileira, e a lesión de Peque, coa confirmación dunha escordadura de ligamento cruzado posterior” explicou o estratega burelista.

Pardeiro destacou a condición de favorito do Ponte en todas as quinielas, pero tamén encomiou o traballo e fortaleza das súas xogadoras: “O campión da liga e da supercopa é o candidato por excelencia para estar na final e máis nestas circunstancias, pero nós non damos nada por perdido. Na liga, hai un par de semanas, xa demostramos que podemos facer fronte ao todopoderoso ourensán; fomos superiores na primeira parte, non se oficializou un penalti clarísimo a Peque, que puido decantar o partido, e finalmente o Ponte tivo a sorte de aproveitar un rexeitamento, que caeu nos pés de Ampi, para acabar co 0-1”.

 

Martes 11 de outubro

19.30 horas: Burela FS Pescados Rubén-Ponte Ourense
21.30 horas: Leis Pontevedra-Cidade das Burgas
Localización: Municipal de Lalín

Mércores 12 de outubro

12.00 horas: FINAL
Localización: Lalín Arena

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores