Entrevistas
11 de outubro de 2011 A Mariña-El Progreso
Quique García: 'Melloramos en transicións e efectividade'

Catro partidos tardou Quique García en coñecer o sabor do triunfo oficial co Burela FS Pescados Rubén. O adestrador andaluz puido por fin celebrar unha vitoria do seu equipo despois de dous empates e unha derrota, nas tres primeiras xornadas da Segunda División. A vitoria tivo ademais o mérito engadido de ser nunha das pistas máis difíciles do campionato, a do Gáldar, e ante un rival directo na loita polos primeiros postos. García é consciente do que supoñen os tres puntos, non só a nivel clasificatorio, que tamén, senón sobre todo para animar os xogadores e o contorno.

O técnico considera que o triunfo dará aos xogadores “un plus de confianza e seguridade” para continuar traballando. “Sabemos cal é o camiño a seguir e temos que continuar nesta liña”, dixo García, que considera que o nivel mostrado en Gáldar é o idóneo para sumar moitos máis puntos. “Estamos ante unha competición moi esixente, pero o ritmo e a intensidade que puxemos nas Canarias non será doado de seguir para moitos rivais” manifestou.

O técnico considera que os afeccionados que acudiron á cancha canaria gozaron dun bo espectáculo. “Foi un partido de poder a poder entre dous equipos intensos e agresivos”, sinalou o adestrador burelao, que explica por onde pasou a mellora do seu equipos. “Para gañar a un rival tan forte hai que facer as cousas ben en todas as facetas, pero creo que melloramos sobre todo nas transicións, tanto defensivas coma ofensivas, e na efectividade de cara ao gol, que era unha das nosas contas pendentes”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores