Entrevistas
25 de outubro de 2011
Maite: 'Aínda me falta un pouco de confianza para dar o cen por cento'

Un dos labores máis salientables do triunfo ante o Natudelia.com Zaragoza (2-0) foi o dunha das incorporacións ás filas burelistas desta tempada, o da ala Maite García de la Montaña, que contribuíu aos tres primeiros puntos na casa poñendo toda a súa garra sobre a pista. Porén, a xogadora laranxa confesou que “aínda me falta un pouco de confianza para dar o cen por cento. Non estou totalmente adaptada ao xogo das rapazas; tan só preciso coñecer un pouco máis a miñas compañeiras e que elas me coñezan a min”. “Pardeiro confía na miña marxe de mellora e dáme facilidades para acadar os obxectivos” explicou ademais a futbolista cacereña, de 23 anos.

“O traballo que se fai neste equipo non ten comparación coa miña experiencia anterior na Primeira División; o cadro é moi forte grazas á unión das xogadoras e á loita diaria nos adestramentos, do que a excelente achega do corpo técnico é a principal responsable” explicou a ala burelista que tamén aludiu ao perfeccionamento en ataque para seguir medrando: “Aínda nos falta algo en ataque e temos que ir mellorando pouco a pouco. Ante o Zaragoza demostramos que sabemos loitar, pero tamén puidemos demostrar moito máis ca o resultado, como xa fixemos co Ponte Ourense ou o Móstoles”.

Para a xogadora do Burela FS-Pescados Rubén a xornada desta semana depara un reto de altura, na visita á cancha do colíder. “O Gironella é un equipo que persoalmente sempre me gustou; é moi loitador e posúe xogadoras moi rápidas, coa posición de pivote e a portería como puntos fortes, ademais de ser unha pista difícil, cunha boa afección. Sen dúbida é un gran reto” puntualizou Maite.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores