Entrevistas
24 de novembro de 2011
A nutricionista Alba Vila adoutrina en saúde o CD Burela FS

Como parte da planificación de preparación e rendemento deportivo, a saúde dos xogadores e xogadoras CD Burela FS está baixo a supervisión da nutricionista mariñá Alba Vila, que dende comezos de tempada adoutrina e aconsella os equipos sénior sobre hábitos saudables. 

“Na alimentación dun deportista a inxesta de calorías debe ser maior porque se consome máis; o que debe ter é unha maior repartición de calorías, pero de forma saudable, fuxindo das graxas e controlando os nutrientes, sobre todo a fibra, e no caso das mulleres con moitos líquidos” dixo Alba Vila. 

Co conxunto feminino da Primeira División, a especialista en dietética e nutrición realiza un seguimento mensual con avaliación das dietas personalizadas: “Comezamos o traballo cun dieta xeral, un esquema adaptado á actividade física intensa de adestramentos e partidos. Despois, en función das necesidades de cada unha, de subir ou baixar peso, teñen unha dieta personalizada, baseada nunha ampla variedade de alimentos, pero sempre con equilibrio”, explicou Alba Vila, que incidiu nos beneficios a longo prazo de adquirir hábitos saudables na alimentación: “Adaptando o menú diario á actividade as xogadoras poden previr a oscilación de peso en períodos sen competición”.

A nutricionista recoñeceu estar moi satisfeita da resposta do equipo. “Facemos reunións mensuais de control de peso e medida de volume e o certo é que os obxectivos se están cumprindo. As rapazas preocúpanse moito por seguir as pautas e antes da facer calquera modificación consúltanmo; elas mesmas din que dende o primeiro momento apreciaron a mellora, que se senten máis áxiles e por iso lles resulta moi doado aplicar os consellos”, asegurou Alba Vila.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores