Entrevistas
17 de xaneiro de 2012 La Voz de Galicia
Bebeto: 'Gústanme os desafíos, por iso elixín o Burela'

Como a Víctor López, tamén incorporado durante a parada do Nadal, o Burela FS Pescados Rubén seduciu a Bebeto (Salvador de Bahía, 1979) cun proxecto de futuro ambicioso e ‘irrexeitable’. O xogador brasileiro debutou o sábado en Murcia e anotou os dous tantos fronte a un ElPozo B “inferior pero máis efectivo”. O venres, ante o Andorra, notará por primeira vez a calor dunha afección á que seguiu na rede.

-A súa foi unha estrea agridoce de verdade. Os seus dous goles de nada serviron ao Burela.

-Así é, estou moi contento por marcar os meus primeiros goles para o Burela, pero aínda máis triste pola derrota do equipo. Era un partido moi importante no que tiñamos depositadas moitas esperanzas para cambiar o rumbo e acabar coa etapa de derrotas.

-Outra vez foron mellores e só lles faltou gol?

-Fixemos un partido moi serio, superamos en case todo o rival, pero só aproveitamos dúas das ocasións que xeramos. ElPozo B foi máis eficaz. Marcando a metade das oportunidades que tivemos seguro que gañariamos.

-Despois do do sábado seguro que moitos afeccionados o ven como un goleador.

-Marquei goles en todos os equipos nos que estiven e espero marcalos aquí tamén. Non me considero un goleador, só un traballador.

-Competía en Primeira División, sospeito que recibiría máis ofertas que a do Burela. Que o trouxo ata aquí?

-Gústanme os desafíos, por iso elixín o Burela. Ademais, todos os meus amigos que xogan en España animáronme e faláronme moi ben deste club. Creo que acertei coa miña decisión.

-Sorprendeuno algo do que atopou?

-Case todo: o trato da xente, a organización... e por suposto a estrutura, que é de Primeira División.

-Aínda non sentiu a calor do público.

-O venres xa poderei gozar desa sensación. Vin vídeos en Internet que me impresionaron. É importante para un club que quere estar en Primeira que a afección o arroupe.

-Cre que o cadro reúne a calidade suficiente para dar o salto á elite?

-Levo moi pouco tempo aquí, é pronto para avaliar as nosas posibilidades, e tampouco coñezo demasiado os rivais... Nos dous partidos que vin fomos mellores que o contrario e só erramos na finalización. Hai que corrixir iso.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores