Entrevistas
30 de maio de 2012
Plácido Díaz: 'Burela reunirá as mellores promesas do fútbol sala galego'

A vila burelá e Vista Alegre repetirán o título de anfitrións nunha nova cita copeira, a fase final da Copa da Liga Nacional Xuvenil, coa presenza de Autos Lobelle FS, AD Bueu, Azkar Lugo e, como non!, Burela FS Pescados Rubén, entre o 16 e o 17 de xuño. “Burela reunirá as mellores promesas do fútbol sala galego” asegurou o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol e presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Plácido Díaz Fernández.

Tras a escolla de Burela como sede do Curso de Instrutor de Fútbol Sala Base 2011-12 da FGF, a Copa é unha mostra máis da confianza da Federación na entidade laranxa, “unha potencia no fútbol sala tanto por xestión coma por traballo”, segundo cualificou o responsable federativo.

 “O Burela FS conseguiu formar un grupo humano e deportivo coa solidez necesaria para posicionarse cos seus equipos sénior entre os mellores, con especial dedicación á base, a pesar das limitacións presupostarias que existen neste deporte e máis na actualidade”, dixo Plácido Díaz, que quixo ademais enviar unha mensaxe de alento ao Burela FS no play off á Primeira División Masculina, ao que xa acompañou na primeira eliminatoria presidindo o palco de Vista Alegre: “Puiden presenciar un partido espectacular; estou seguro de que coa entrega e forza demostradas ante o Manzanares, este equipo dispón das máximas posibilidades para o ascenso no último asalto”. 

Plácido Díaz tamén fixo referencia á primeira tempada de vida do comité que preside, incidindo na necesidade de eliminar a repartición e incluso “enfrontamento” de responsabilidades entre a Federación Galega de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol Sala para garantir “a boa saúde do fútbol sala”. “Co apoio da Real Federación Española de Fútbol estamos traballando para adquirir a potestade total sobre a regulación de todas categorías polo ben do fútbol sala. Precisamos que sexa só un, o da FGF, o organismo que leve o peso e a responsabilidade da disciplina, como ocorre no resto das comunidades autónomas” aseverou o responsable do comité galego, ao que engadiu que “a base é imprescindible para que a elite funcione, tal e como está se traballando no Burela FS, por iso precisamos que a xestión única resida na Federación de Fútbol e así poder ampliar a nosa potestade actual, das competicións nacionais, ás autonómicas e locais e regular todas as categorías de base”.

 

Calendario de Copa

A bomboneira será o escenario das semifinais o sábado 16. A xornada marcará a saída ás 17.00 horas, co duelo entre o Azkar Lugo FS, líder do Grupo A, e o AD Bueu, segundo clasificado do Grupo B; ás 19.00 horas o Burela FS Pescados Rubén, como segundo do Grupo A, pelexará ante o Autos Lobelle FS, campión do Grupo B. O título decidirase o domingo 17, a partir das 12.00 horas.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores