Entrevistas
10 de xullo de 2012
Iago Barro formaliza a renovación do seu segundo ano laranxa

O gardameta Iago Barro formalizou onte pola tarde a renovación do seu segundo ano laranxa na sede do Burela FS Pescados Rubén, xunto ao vicepresidente da entidade, Manuel Blanco.

“Era o gran soño, un soño persoal, do equipo, da directiva, da afección e da vila enteira“. Así trasladaba a súa ledicia o porteiro viveirense por continuar a traxectoria co Burela FS, co engadido do debut na Primeira División. “É un novo inicio para min, que hai tan só un ano me estreaba en Segunda, e unha oportunidade para aprender, adquirir experiencia e, sobre todo, gozar do mellor fútbol sala cos mellores rivais”, explicou con emoción Iago, que non ve a hora de comezar a adestrar e preparar a tempada. “Haberá moitos cambios, pero o club aposta por este proxecto e o equipo estará disposto a defender o nome de Burela e do Burela FS Pescados Rubén na mellor liga do mundo. Espero que este sexa o primeiro ano de moitos na elite para o Burela FS” confesou o meta laranxa.

O vicepresidente laranxa trasladou o orgullo do club por contar de novo con Iago Barro baixo os paus, “un deportista ao que a súa xuventude non lle impediu demostrar serenidade e madureza nunha categoría na que se estreou a tempada pasada” explicou. “O Burela FS seguirá apostando pola xuventude e os futbolistas da terra na consolidación do proxecto“, puntualizou Manuel Blanco.

A continuidade do porteiro mariñán para o debut na Primeira División súmase á do capitán, Juanma Marrube, e o novísimo ala burelao, Iago Míguez, con contrato en vigor. Os tres xogadores participarán esta semana no VI Campus Mixto Intenacional de Fútbol Sala Base Burela FS (12, 13 e 14 de xullo), xunto ás visitas do adestrador de porteiros da Selección Española de Fútbol Sala, César Arcones, e o preparador físico da Vermella, Antonio Bores, entre o seu profesorado.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores