Entrevistas
11 de xullo de 2012
Christian, segunda renovación para o Burela FS na estrea de Primeira

O ala Christian Palmeiro Chao convértese na segunda renovación para o debut do Burela FS Pescados Rubén na elite de fútbol sala, tras a formalización da continuidade de Iago Barro. Onte pola mañá, o director xeral do club, José Luis Sáez Castro, recibiu o viveirense na sede da entidade laranxa para rubricar o acordo da vindeira tempada.

Aos seus 25 anos, Christian saltará á Primeira División na súa cuarta tempada defendendo as cores laranxas “moi contento e motivado polo reto da categoría”. “Estou moi agradecido un ano máis pola confianza depositada en min tanto dende a directiva coma dende o corpo técnico; espero aproveitalo” explicou o mariñán. Segundo o xogador, o “merecido ascenso• tamén terá a súa xusta resposta tanto no traballo e ilusión do equipo coma no apoio da afección: “Vista Alegre será o noso principal baluarte; vivirá un ambiente incrible. Non coñecemos a categoría, pero con traballo conseguiremos adaptarnos. Ter enfronte a rivais do prestixio de ElPozo, Barcelona ou Inter é a mellor motivación e sabemos que a nosa afección estará aí, aínda máis implicada se cabe, para darnos forza” asegurou o ala burelista.

José Luis Sáez, dende a dirección do club, destacou “a constancia e compromiso de Christian, un xogador moi novo que demostrou unha entrega absoluta dende a súa chegada e poderá contribuir coa súa pegada na nova etapa do Burela FS”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores