Entrevistas
16 de xullo de 2012
Peque repite coa camisola burelista

A ala-pivote Patricia González Mota, Peque, repetirá coa camisola burelista en 2012-13. A xogadora madrileña, de 25 anos, cumprirá o segundo ano de laranxa para seguir apoiando en presión, dinamismo e rapidez no xogo, con carácter e determinación.

Gozando das vacacións e inmersa no esgotador traxecto do Camiño de Santiago, Peque transmitiu a súa satisfacción pola renovación desexada: “Eu tíñao moi claro e, máis coñecendo a intención do club de conservar o bloque de 2011-12” dixo a burelista, que, despois dun grande ano, espera subir un chanzo máis coa escuadra mariñá. “Foi un ano moi completo; sentinme ben tanto deportivamente coma coas compañeiras, con leves altibaixos pola lesión de xeonllo. A clave do Burela FS é o grupo; agora que nos coñecemos ben, cun ano de experiencia, somos máis fortes e poderemos ser máis regulares dende o comezo da liga para igualar e incluso superar os resultados da tempada pasada” explicou a ala-pivote.

Peque conta cunha ampla traxectoria na elite futbolística. Pertenceu á disciplina do CD Futsi Navalcarnero (2003-05), Majadahonda FSF (2005-06) e Diamante La Rioja (2006-11). No último exercicio anotou 14 tantos coa elástica laranxa en liga, con 2 máis na Copa de España.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores