Entrevistas
17 de xullo de 2012
O desafío laranxa contará outro ano co ímpeto de Lucía

O ímpeto da ala-peche Lucía Nespereira regresará ás pistas en 2102-13 para apuntarse, outro ano, ao desafío laranxa. A ourensá estivo acompañada polo directivo Marcelino Luna na sede do CD Burela FS Pescados Rubén para formalizar a continuidade da que se converterá na súa cuarta tempada na Mariña.

Tras máis de seis meses afastada do terreo de xogo por unha lesión de xeonllo, Lucía afronta o novo exercicio totalmente recuperada e moi animada. “Volvo con máis forzas para ser a de antes. Para min non hai vacacións; continúo coa rehabilitación a través da programación que me envía o preparador físico, Alfonso Mera, cada semana para chegar en condicións óptimas á pretempada” dixo con ilusión a xogadora, ao que engadiu “teño que agradecer o apoio e trato recibidos tanto por parte da directiva coma do corpo técnico ao longo de todo este tempo”.

“Non hai mellor xeito de celebrar a miña recuperación que renovando co Burela FS co firme propósito de manter a liña ascendente de resultados, aínda que será moi difícil superar a tempada pasada” explicou a ourensá.

“Lucía é unha xogadora moi enérxica que imprime carácter e motivación no xogo do Burela FS, un valor seguro para a consecución de novos logros“ aseverou Marcelino Luna, aplaudindo a volta de Lucía.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores