Entrevistas
2 de outubro de 2012
Pardeiro: 'Este é o mellor inicio ligueiro do Burela FS en Primeira'

Din que a experiencia suma puntos. Pois as tres tempadas en Primeira División Feminina no ronsel do Burela FS Pescados parece que lle están proporcionando as táboas necesarias ao conxunto laranxa para facer desaparecer as vellas pantasmas dos inicios tatexantes e entrar con pé firme en 2012-13. “Este é o mellor inicio ligueiro do Burela FS en Primeira; a clave está en poder adestrar durante toda a semana con intensidade. Tan só espero que as lesións nos respecten para seguir traballando a un nivel alto e seguir progresando na competición” pediu Javier Pardeiro, exultante tras a goleada do primeiro derbi galego, na pista do Ponte Ourense (0-6).



“Todo nos saíu ben dende o primeiro minuto. Conseguimos unha presión asfixiante, sen deixarlles saír do seu campo, e unha defensa en zona alta, coa que non puideron pensar con claridade” explicou o técnico burelao, que xa pode presumir de 7 puntiños nas tres primeiras xornadas, sen coñecer a derrota.



Agora tocar na próxima cita para seguir “in crescendo”. Incluso nunha mellor dinámica que as mariñás, o Diamante Logroño visitará o Vista Alegre, este sábado (18.30 horas). As logroñesas saltarán á pista na cuarta xornada con 9 puntos (Centelles 4-1, Ponte Ourense 2-3 e Cidade das Burgas 3-1). As pupilas de Javier Pardeiro buscarán tres novos puntos ante un rival que o técnico xa cualificou de “ultradefensivo e moi reforzado dende o último tramo da tempada pasada”: “Esperamos un equipo que non vai querer a pelota, cunha posición moito máis atrás de media pista, intentando saír ao contragolpe. Sen dúbida, teremos que ter paciencia para abrir as súas liñas” diagnosticou o adestrador laranxa.



Lidia Mesías, inmersa na concentración da Selección Española dende o domingo pasado, reincorporarase ao cadro mariñán o xoves.



Loito no fútbol sala



A xogadora do Diamante Logroño Bárbara Blanco, de 21 anos, faleceu o sábado pasado despois dunha longa enfermidade. O CD Burela FS Pescados Rubén quere mandar o seu pésame e unha mensaxe de ánimo á familia e amigos de Barby, así como ao conxunto rioxano.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores