Entrevistas
9 de outubro de 2012
Tempo para reflexionar e dar un novo pulo á ilusión de Primeira, Julio Delgado

Coa quinta xornada xa disputada e inmerso na parada competitiva de Primeira por mor do Campionato Mundial de Tailandia, o Burela FS Pescados Rubén retomará mañá ao traballo e aos adestramentos, con máis dun mes por diante ata a visita do Inter Movistar (24 de novembro). Durante este período, a escuadra laranxa aproveitará o tempo para reflexionar e dar un novo pulo á ilusión da máxima categoría para pelexar polos primeiros puntos da liga.


O balance que fai Julio Delgado do que pasou dende o comezo do campionato pode ser positivo, aínda que o técnico pide á afección que se manteña a confianza no proxecto. “Non perdemos o optimismo, pero si que é necesaria a reflexión. Fixemos algunhas cousas ben e outras non tanto, pero a realidade di que non temos ningún punto e aquí trátase de sumar”, sinala o adestrador laranxa, que cre que a parada debe servir para cohesionar un equipo que aínda está en proceso de adaptación, tanto entre os propios xogadores coma á nova categoría. “Este proxecto comezou con moita xente nova e agora temos dous meses por diante para seguir coñecéndonos un pouco mellor. A parada vai dar unha marxe para traballar e intentar corrixir algunhas das cousas que non fixemos ben”, sinalou.
Julio Delgado asume que a idea de xogo que se marcou dende o inicio “puido ser arriscada” e planea cambios para intentar sacar bos resultados. “Din que errar é de humanos e rectificar de sabios e está claro que temos que cambiar cousas, tanto en ataque coma en defensa. O sistema ofensivo non nos está funcionando como esperabamos e faremos algunhas modificacións, pero talvez o máis importante sexa protexernos en defensa […]”, explicou o preparador mariñán para o xornal A Mariña-El Progreso.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores