Entrevistas
16 de outubro de 2012
Pardeiro: 'Merecemos máis goles ante un Soto que non arriscou nada'

O Burela FS Pescados Rubén continúa no cumio de Primeira despois de conseguir a súa cuarta vitoria consecutiva. O 2-1 sobre o Soto del Real, nunha cita incómoda, dálle alas ao cadro de Javier Pardeiro para non marcarse límites en 2012-13. O técnico laranxa valorou os tres puntos do sábado, aínda que o resultado lle soubo a pouco: “Fomos o claro dominador, ante un rival que non arriscou nada, e merecemos máis goles” asegurou o adestrador.


“Non foi un partido vistoso; non xogamos como quixemos, debido á ultradefensa do Soto pero este tipo de partidos hai que ganalos. Tivemos practicamente todas as ocasións, aínda que non fomos capaces de materializalas, en gran medida, porque a porteira rival rozou a perfección” incidiu o preparador burelao, que tamén recoñeceu certa incerteza no tramo final debido á resistencia na finalización: “Ao non ter rematado o marcador, o partido cobrou tintes de inseguridade para os obxectivos do Burela FS, posto que o Soto quixo ir a polo empate con porteira-xogadora, unha recompensa totalmente inmerecida”.


Outro derbi galego lle ten programado o calendario de Primeira ao Burela FS para a vindeira xornada, o segundo xa no que vai de liga. A escuadra laranxa medirase ao novel Viaxes Amarelle, o sábado no pavillón coruñés da Sagrada Familia (18.00 horas). Segundo explicou o técnico, a prioridade do cadro mariñán é recuperar efectivos para “impoñer un ritmo alto e que o Amarelle non nos sorprenda”. “É un equipo que está pagando o cambio de categoría, aínda sen puntos, e non queremos ser as primeiras en darlle unha alegría”, dixo Pardeiro.


XXII Copa Galicia. O conxunto burelista pelexará polo pase á final da Copa Galicia fronte ao Cidade das Burgas, tamén de Primeira; Ourense acollerá o duelo de semifinais, coa data aínda pendente de acordar entre ambos os participantes. A outra praza para a loita definitiva polo galardón autonómico decidirase entre o Leis Pontevedra, de Segunda, e o tamén honorable Ponte Ourense.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores