Entrevistas
30 de outubro de 2012
Maite: 'O 10-3 reflicte claramente a comodidade sobre o Móstoles'

O Burela FS Pescados Rubén xa pode contemplar a Primeira División dende o cumio. O esmagador resultado ante o FSF Móstoles, vixente campión da Copa de España, catapultou o golaverage das laranxas para tomarlle a dianteira ao seu compañeiro no trono, o Atlético de Madrid, co que está empatado a 19 puntos. ‘O 10-3 reflicte claramente a nosa comodidade na pista ante o Móstoles’ dixo Maite, unha das protagonistas goleadoras da xornada, que estreou a súa cuadrícula persoal con nada máis e nada menos que un hat-trick: “Non pode haber mellor forma de inaugurar a conta goleadora que na casa e con tripla diana” dixo a ala burelista.


‘Foi unha auténtica explosión, na que todas demos o mellor de nós. Foi un bo traballo de todas, no que tamén participaron as nenas, Silvia e Paula”, explicou a cacereña, un labor que Javier Pardeiro tamén valorou: “Saímos moi concentradas, con intensidade e pretendendo levar a iniciativa do encontro dende o inicio. Traballamos cunha defensa en zona alta dificultando moito a circulación de balón por parte do Móstoles. Froito dese dominio chegaron as ocasións e abrimos fenda no marcador dende o inicio polo que despois todo foi máis doado” reflexionou o adestrador.


A ala laranxa, que nas últimas xornadas está realizando un loable traballo dende a zona de defensa, amosouse estrañada pola reacción desleixada das rivais nun encontro dominado de principio a fin polas de Vista Alegre:  “É lóxico que con dous goles en contra xa nos primeiros minutos se tenda a baixar a cabeza, pero un equipo coma o Móstoles, da súa entidade, non se pode permitir ese luxo”.


“Estamos  moi felices por acadar o liderado, pero tamén somos conscientes de que isto non fixo máis que comezar e que teremos que xogar todos os partidos ao cento por cento para poder seguir na zona máis alta” coincidiron Maite e Pardeiro, ademais de incidir en que “este privilexio motiva pero tamén impón”.


Co UA Alicante no horizonte máis inmediato, Maite amosouse cautelosa con respecto á próxima cita: “É a saída máis complicada ata o momento. É unha cancha moi difícil, cunha superficie á que non estamos acostumadas; o ano pasado xa se nos resistiu. Ademais esta tempada teñen o plus que lles proporcionan Sofía e Txitxo, dúas xogadoras moi importantes para o equipo”, analizou a futbolista mariñá.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores