Entrevistas
5 de novembro de 2012
Dolo: 'O de Valladolid será outro compromiso crucial'

O Burela FS Pescados Rubén continúa imparable. Co triunfo no parapeto do UA Alicante (1-2), xa suma sete vitorias consecutivas, que o manteñen unha xornada máis na crista de Primeira e lle insuflan unha nova bafarada de aire fresco para o próximo reto, o vindeiro sábado. O cadro laranxa recibirá o Valladolid FS (Vista Alegre, 18.30 horas) dende a terceira praza “noutro compromiso crucial para os nosos obxectivos” asegurou a capitá Dolo, puntualizando que “un resultado positivo suporía ampliar a fenda cos que veñen detrás e, precisamente por iso, o Valladolid FS  chegará con máis ganas, para reducir esa distancia de 6 puntos co grupo de cabeza”.


A ala-pivote coruñesa, que foi a encargada de marcar a primeira vantaxe das burelistas en Alacante, destacou o mérito dos tres puntos en terras levantinas: “Foi un resultado axustado fronte a un equipo sólido e con calidade; soubemos adaptarnos á lentitude da pista e non tivemos ansiedade, incluso nos momentos de inferioridade, nos que podía perigar o resultado”. Coa xogadora coincidiu o adestrador, Javier Pardeiro, que incidiu ademais “no dominio do Burela FS na primeira parte, con moitas opcións de sentenciar o encontro, e nun maior equilibrio tras o descanso, pola presión do UA, no que a pesar de contar con menos forza, tamén gozamos de numerosas ocasións”. Ambos amosaron a súa satisfacción “polo traballo do equipo, incluso no último tramo, cando estabamos limitadas polo cansazo, e polo triunfo ante un equipo que estará na zona alta, un equipo que non especula e que trata ben a pelota”.


A incondicional burelista tamén tivo palabras para o reencontro que propiciará o duelo do Valladolid coas que foron as súas compañeiras de vestiario durante catro anos, Claudia Rodríguez e Rosana Carballés: “Son dúas xogadoras da Mariña, volven á casa e para xogar fronte ao seu antigo equipo; virán con moitas ganas e ilusión por facelo ben na súa terra e por poder optar a unirse aos de arriba” dixo Dolo, concluíndo que “para nós tamén será un partido especial, pero debemos centrarnos. Cada un perseguirá os seus obxectivos; deséxolles o mellor, pero os tres puntos deben quedar en Vista Alegre”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores