Entrevistas
6 de novembro de 2012
Julio Delgado: 'Temos moitas ganas de estar de novo ante a nosa afección'

O Burela FS Pescados Rubén coñecerá mañá o rival das semifinais da XXII Copa Galicia mañá en Asturias, inmerso nun amigable co Soto del Barco, da Segunda División B (20.30 horas). O sorteo entre os honorables Santiago Futsal e Azkar Lugo, os laranxas e O Parrulo, de Segunda B, está previsto para as 19.00 horas. “O equipo de Ferrol parece a priori máis accesible, pola diferenza de categoría, pero tamén recibiriamos moi ben a noticia de medirnos a un dos de Primeira porque poderiamos xogar en Vista Alegre e despois de tanto tempo sen competición sería realmente motivador; temos moitas ganas de estar de novo ante a nosa afección” vaticinou o adestrador, Julio Delgado, amosándose optimista sobre a cita autonómica.


O equipo mariñán conseguiu o billete dende cuartos tras vencer con claridade ao Noia FS (1-6) a semana pasada, nun encontro que o técnico burelista cualificou de “serio e responsable”. “Tras o empate ante o Azkar (2-2) en Asturias, buscábase un bo resultado para subir a moral do equipo e os xogadores responderon con moita responsabilidade” declarou Julio Delgado, identificando a incerteza dos minutos iniciais pola inquietude de facerse co partido: “O rival aproveitou o noso exceso de ansiedade por gañar axiña e sorprendeunos poñéndose por diante no marcador, pero o equipo soubo reaccionar asentándose e collendo as rendas do partido” xustificou o estratega. Julio tamén valorou o papel da xuventude burelista, coa estrea de Carlitos e Souka xunto a Antón: “Os tres disputaron xuntos os últimos minutos en pista e a súa predisposición foi marabillosa; os rapaces teñen onde mirarse, ven que teñen saída no equipo sénior e iso dálles confianza” explicou o salmantino, que tamén loou o traballo de Iván Cao ‘Lucas’ na preparación do conxunto filial e no xuvenil: “O traballo de estratexia e sistema de xogo sobre o que se fundamenta Lucas garda moitas similitudes co noso, por iso a adaptación dos rapaces é tan rápida”.


O técnico laranxa destacou a cita de mañá na preparación do conxunto para regresar nas mellores condicións posibles á liga, o 24 de novembro: “Será outra oportunidade para manter a dinámica de competición, para realizar traballo de pista, incidir sobre aspectos de finalización e a responsabilidade sobre a cancha” explicou o técnico.


Pouco a pouco, parece que chegan as boas novas ao vestiario do Burela FS Pescados Rubén; Christian xa recibiu a alta médica e Mimi, Nacho Pedraza, Iago Míguez e Hugo experimentan unha notable mellora. Tras as revisións médicas desta tarde, mañá poderá coñecerse a expedición definitiva, que contará con caras do filial e con Cesinha. Diego Suárez xa se reincorporou ao traballo do seu equipo, Avilés Sport.


No enfrontamento anterior entre asturianos e galegos, en pretempada, os de Julio Delgado impuxéronse por 12-1.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores