Entrevistas
27 de novembro de 2012
Peque: 'A miña presenza coa selección é o recoñecemento ao excelente traballo do Burela FS dende hai anos'

Un novo triunfo en Primeira, ante As Burgas (5-2), e o liderado en solitario tiveron o domingo a mellor clausura imaxinable da xornada, a chamada directa dende a Selección Española para a inmediata incorporación de Patricia González Mota, Peque, de cara ao III Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Portugal , 3-9 de decembro).


Como recibiches a noticia?


Aínda non o creo. Foi unha sorpresa total. Informáronme o domingo pola tarde; non me deu tempo a dixerilo, puiden facer rapidamente a maleta para coller un voo ás nove da noite directo á concentración.


Esta non será a primeira vez que vistas a camisola da Vermella…


Con esta xa son tres. A miña estrea foi en 2009-10, con dobre participación, en encontros de ida e volta ante Rusia e Holanda.


Que papel terá Peque no Mundial?


Non tiven tempo aínda para reflexionar. Estou gozando do momento; estou aquí para traballar e axudar no que España e Arsenio Pascual necesiten. Non quero complicarme; todo o que veña benvido será.


Como te atopas na dinámica da concentración?


Tan só levo un par de sesións. Está sendo duro, pero xa viña concienciada da dificultade que me esperaba; conseguirei adaptarme á filosofía da selección para dar o mellor de min.


Cales son as aspiracións de España?


Esta selección está composta por xogadoras de excelente calidade e grande intelixencia. Poder xogar con elas é un oportunidade incrible. Creo que esta edición poderá ser a baza de España; hai que ir a gañar para desbancar do trono a Brasil.


O Burela FS xa merecía presenza internacional.


Co chamamento de Lidia xa para dúas concentracións, o equipo comezou a cobrar importancia na selección; iso xa foi un premio para todas as xogadoras laranxas. Agora, a miña convocatoria volve ser un recoñecemento ao excelente traballo que leva realizando o equipo durante anos. 


Como se ve a Liga dende o liderado?


Estamos moi satisfeitas coa nosa evolución. Sabemos que as metas son alcanzables con esforzo e, por iso, imos pasiño a pasiño, con moita tranquilidade. Dános igual o rival, tomamos todos os partidos coma unha final e estamos extraendo os resultados perseguidos porque se as circunstancias obstaculizan o noso xogo, sabemos sacar os encontros adiante botando garra.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores