Entrevistas
30 de novembro de 2012
Dani Martín: 'Ante ElPozo temos moito que gañar e pouco que perder'

O Burela FS Pescados Rubén volve cruzarse no periplo de Primeira cun dos grandes, un dos históricos, da elite do fútbol sala este sábado. “Temos moito que gañar e pouco que perder ante ElPozo. Puntuar sería unha inxección de moral” aseguraba con optimismo o ala-pivote Dani Martín, convencido de que “debemos render todos ao máximo para estar en disposición de sacar algo positivo. O equipo está subindo o nivel, xa se puido ver ante o Inter, e hai que manter esa liña”.


Despois do intensísimo encontro ante o Movistar e a cita co Melilla da Copa do Rei, o Palacio dos Deportes de Murcia recibirá a escuadra de Julio Delgado (18.00 horas). A única dúbida para mañá será Mimi, que non puido adestrar con normalidade por un golpe nun pé sufrido en Melilla.


Dende Arxentina, caras novas


O Burela FS Pescados Rubén terá novidades entre os seus efectivos a partir da próxima semana. Dende Arxentina chegaron esta mañá á Mariña os irmáns Matías e Gabriel Edelstein, procedentes do Hebraica da Primeira División, para adestrar co conxunto laranxa ata o 21 de decembro.


“O noso soño dende nenos foi dedicarnos profesionalmente ao fútbol sala e o Burela FS brindounos a posibilidade de coñecer a mellor liga do mundo” explicaba o ala-peche Gabriel, de 24 anos, puntualizando “sempre xogamos xuntos e poderemos vivir a experiencia en España tamén xuntos”. “Agradecémoslle a oportunidade ao Burela FS e estamos seguros de que teremos un bo recibimento porque nós vimos dispostos a esforzarnos e axudar en todo o que o equipo e o club precisen” declaraba o máis novo dos Edelstein, o ala Matías, que aos seus 20 anos xa se estreou coa internacionalidade arxentina, na Sub-20.


Ambos os xogadores definíronse na pista “como solidarios cos compañeiros e co xogo colectivo”. Matías poderá achegar “técnica e ataque” e Gabriel “moita ida e volta e moita marca”.  

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores