Entrevistas
3 de xaneiro de 2013
Hugo: 'Confío en que o Azkar sexa o punto de inflexión'

O Burela FS Pescados Rubén volve á competición estreando 2013 e renovando ilusións no primeiro derbi provincial da elite, con necesidade de puntos en ambos os flancos; os laranxas saltarán mañá á pista do Azkar Lugo, ás 21.15 horas, no municipal da cidade amurallada. Un gran coñecedor da estrutura transportista, Hugo Sánchez Flores (Lugo, 1989), xustifica que este pode ser o gran momento dos burelistas para cambiar o rumbo en Primeira: “Confío en que o Azkar sexa o punto de inflexión. O equipo está xogando ben, está competindo. A inexperiencia na categoría prexudicounos demasiado, pero creo que ante o Santiago (2-2), na última xornada, xa demostramos que aprendemos a controlar a ansiedade e nerviosismo dos minutos importantes; soubemos manexar mellor o partido e iso para nós é moi importante psicoloxicamente”.


“Será un partido moi aberto” adiantou o ala burelista, que chegou ás filas mariñás esta tempada dende Santa Coloma, facendo balance ademais do seu acomodo na costa luguesa: “Estou disputando minutos, e minutos importantes, iso é de agradecer, aínda que tamén me gustaría participar máis no aspecto finalizador”.


Hugo destacou a xuventude e traballo do Azkar, na undécima praza (7 puntos) e tamén falou das súas armas:“Tiven a oportunidade de velos no último partido, ante o Zaragoza (4-4), e gustáronme moito”, apuntou Hugo, incidindo nas virtudes do rival: “É un equipo alegre, con xente moi nova, ao que lle gusta correr e que se alimenta do contraataque. De todos os xeitos, nós témolo claro, debemos frear o xogo co que se senten cómodos, evitando as contras e obrigándoos a ter máis posesión do balón para marcar os tempos do encontro” explicou o xogador laranxa.


“Para min será un partido moi especial; vai gustarme moito xogalo. Xa tiven a oportunidade o ano pasado con Marfil, pero desta vez chegarei orgulloso de xogalo defendendo as cores dun club galego e da provincia para ser o rival dun equipo que me deu moito, e ao que creo que tamén lle dei, e dunha estrutura na que entrei xa aos 6 anos” falou con emoción o lugués do club onde medrou.


Hugo tamén valorou o animado desprazamento do venres tanto da peña A Pataca Naranxa, con máis de 150 socios, coma de moitos outros afeccionados burelaos:  “Creo que o apoio da nosa afección se vai facer notar, e moito; isto podería cambiar a dinámica do partido. O equipo non compite igual fóra e estar arroupados polos nosos seareiros repercutirá beneficiosamente na nosa actitude e ambición”. “Ao estar tan preto e rodeados dos nosos laranxas, teremos certo sentimento de equipo local” concluíu o ala burelista.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores