Entrevistas
7 de xaneiro de 2013
Mimi: 'Temos que seguir traballando, a salvación está a un partido'

Despois da excesiva reprimenda do venres, no animado derbi lugués (2-0), o Burela FS Pescados Rubén retomará hoxe a preparación semanal con todos os sentidos postos na próxima gran cita da axenda ligueira. O Caja Segovia, sexto (21 puntos), chegará á pista de Vista Alegre o sábado, ante a atenta mirada das cámaras de TVG2 para disputar a 12ª xornada. Un dos laranxas máis activos na pista do Azkar, Miguel Castilla, Mimi (Madrid, 1981), falou da trascendencia do compromiso que se albisca no horizonte inmediato dos mariñáns: “Temos que seguir traballando e mellorar os aspectos que nos están freando. Estamos atravesando unha situación dura, pero temos que manter as ganas e a moral porque aínda queda moita liga por diante e o noso obxectivo, a salvación, agora mesmo está tan só a un partido” asegurou con coraxe o peche.


O burelista, que recalou na bisbarra na estrea da elite procedente do Triman Navarra, reflexionou sobre o resultado desfavorable no municipal de Lugo, un duelo no que a escuadra de Julio Delgado tiña depositadas moitas expectativas: “Polo que se viu na pista, creo que sería máis xusto o empate. Houbo unha parte para cada un; nós sempre tivemos opcións, pero a carencia de gol que levamos arrastrando dende o principio, uníndose ás baixas, roubounos o partido” explicou Mimi. O madrileño valorou o traballo defensivo e a reacción do Burela FS ante a presión inicial dos transportistas: “O Azkar estivo mellor na primeira parte, apertaron ben; o gol (minuto 11) chegou nunha perda de balón, pero soubemos manter a calma coa saída do porteiro-xogador”. As tornas cambiaron tras o descanso. “A segunda parte foi para nós, movemos ben o balón e creamos moitas ocasións, pero condenounos a falta de puntería, máis que a defensa do rival, que de novo aproveitou un contraataque (minuto 33) e non dubidou en finalizar”.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores