Entrevistas
15 de xaneiro de 2013
Duelo no liderado, por Javier Pardeiro

As pupilas de Javier Pardeiro despedirán a excepcional primeira volta con duelo no liderado, antes de gozar da xornada de descanso. O xoves, 17, Atlético de Madrid Navalcarnero e o Burela FS Pescados Rubén saltarán á pista de La Estación ás 20.30 horas, empatados a 32 puntos, na loita polo cumio en solitario de Primeira.


- Como preparou e ultima o Burela FS a última cita antes de chegar ao ecuador?


- Despois de Roldán, o 23 de decembro, tivemos dúas semanas de descanso para recuperar as xogadoras; nese encontro xa estivemos sen Dany, que viaxou ao Brasil por trámites burocráticos, e necesitábamolo para volver con forza á competición. Retomamos os adestramentos o 7 de xaneiro; as xogadoras regresaron en perfectas condicións, pero ata esta semana non puidemos adestrar con certa normalidade, polas ausencias de Haydee e a propia Dany, ademais de Lidia e Lara, inmersas no nacional con Galicia Sub-23. Agora estamos forzando a máquina para chegar nas mellores condicións, agardando que Dany se reincorpore o antes posible, se é para Navalcarnero mellor.


- Que grao de relevancia ten a 14ª xornada para as aspiracións laranxas?


- É un partido moi importante, aínda que non definitivo porque queda moita liga por diante. Non obstante, non imos negar que tres puntos nos poden facer por primeira vez campioas de inverno, porémonos por diante do Atlético antes da xornada de descanso. Iso non só nos daría moral para comezar ben a segunda volta, senón que tamén nos outorgaría máis distancia co resto da táboa. Será un partido inesquecible, o Navalcarnero aínda non cedeu e nós tan só perdemos un encontro.


- Cal é o resultado que dá por bo o vestiario burelista?


- Coma sempre, nós sairemos a polos tres puntos, aínda que dado que o Navalcarnero é o favorito e que nós tampouco puidemos preparar o duelo nas mellores circunstancias, un empate tampouco sería desastroso.


- A que armas se enfrontará o xoves a escuadra mariñán en La Estación?


- A súa principal fortaleza é a tremenda calidade individual. É un conxunto repleto de internacionais e amplísimo; a última convocatoria de España tivo a cinco xogadoras, ademais de Ju Delgado co Brasil, e o resto se non estiveron xa foron en citas anteriores. Probablemente non baixe nin en calidade nin en intensidade coas rotacións durante os longuísimos corenta minutos. Temos que ser máis equipo ca nunca e non perder a concentración, porque en choques deste tipo se te descoidas tan só un par de minutos podéseche escapar o partido.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores