Entrevistas
16 de xaneiro de 2013
XOIAS LARANXAS: Coñecemos a... Renato Lopes
Cadete A, 2012-13

En 2007, o CD Burela FS Pescados Rubén apostou pola formación de base coa creación dunha escola que dende o seu nacemento traballa fomentando a conduta saudable da práctica deportiva e inculcando valores entre máis de 150 rapaces/as. Unha desas xoias laranxas é o cadete Renato Lopes (1997), que con tan só dous aniños deixou o seu Cabo Verde natal para asentarse na Mariña xunto á súa familia. A inquedanza polo fútbol sala picouno moi axiña, cando era benxamín, e deu os seus primeiros pasos no concello veciño de Barreiros; na categoría alevín xa entrou a formar parte da gran familia laranxa.



- Por que o fútbol sala é o teu deporte preferido?


- Levo xogando dende moi pequeno. Empecei tamén co fútbol, pero definitivamente prefiro o fútbol sala porque é un xogo máis rápido e áxil. De vez en cando, tamén me apunto a algún partido de baloncesto no parque, sobre todo no verán, pero nada serio… Ja, ja…!


- Que tal vai a tempada?


- Estou participando en Liga Autonómica e Deporte Escolar; as cousas vannos moi ben. Optamos aos primeiros postos.


- Terás a oportunidade de estar coa Selección da Mariña na fase final.


- Si, a final será o 27 de xaneiro en Santiago de Compostela, aínda non sabemos con quen nos enfrontaremos. Foi unha eliminatoria moi difícil; xogámonos todo a un só partido e cunha selección moi complicada, a de Lugo, que tiña a 5 xogadores do Azkar. Había que gañar si ou si e conseguímolo nos penaltis; é a primeira vez que recordo gañar a penaltis.


- Tamén puideches adestrar co combinado galego. Como foi a experiencia?


- Participei en tres ou catro sesións de Galicia Cadete este ano. Para min foi moi educativo, ademais tiven a oportunidade de compartir as sesións con dous compañeiros do Burela FS, Christian e Jorge.


- Cal é o teu mellor recordo no fútbol sala?


- Pois unha tempada enteira, a de Infantil en 2010-11. Gañamos o Trofeo Cidade de Lugo, chegamos ás finais provinciais, tamén nos metemos na final do torneo da Coruña, na liga escolar quedamos moi ben… Todo foron celebracións.


- Admiras a algún xogador neste deporte?


- Sen dúbida, Miguelín, de ElPozo. É un xenio.


- Tes algún referente nos equipos sénior do Burela FS?


- Mimi e Peque.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores