Entrevistas
16 de xaneiro de 2013
Christian: 'Estamos obrigados a puntuar'

O Burela FS Pescados Rubén pechará a primeira volta da súa primeira aventura en Primeira División na pista do Puertollano (sábado 19, 18.30 horas), un rival próximo -avantaxa os laranxas en 5 puntos- co que os mariñáns xa tiveron a oportunidade de verse as caras en Prata e incluso pelexar por unha praza na máxima categoría. “Estamos obrigados a puntuar. É o final da primeira volta e fronte a un dos rivais directos; non nos vale outra cousa se queremos manter a categoría” asegurou Christian, que tamén se amosou orgulloso da súa belísima volea na bomboneira fronte ao Caja Segovia (1-2): “Foi un gol aínda máis bonito por ser o primeiro da tempada en Vista Alegre; mágoa que non servira para subir a primeira vitoria”.


O ala viveirense recoñeceu a diferenza de actitude do Burela nas dúas partes ante o Caja, “un dos mellores equipos que pasou esta tempada por Vista Alegre”: “Aínda que dispuxemos de opcións, na primeira parte o Segovia foi superior e tardamos en centrarnos na pista; a ansiedade fíxonos cometer moitos erros. Non obstante, a lectura positiva que podemos extraer é a nosa capacidade de resposta. Por desgraza os resultados están sendo adversos, pero tras o descanso soubemos tirar de casta para sobrepoñernos, aínda que faltou o acerto de cara á portería”.


“Estou convencido de que non somos o peor equipo da categoría, como reflicte a clasificación; tan só precisamos a tranquilidade e confianza da primeira vitoria para seguir medrando. Estamos traballando ao máximo para deixar atrás esta etapa e conseguirémolo; con esa mentalidade viaxaremos a Puertollano”, puntualizou o laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores