Entrevistas
30 de xaneiro de 2013
Matamoros: 'Prometo traballo, sacrificio e competitividade'

O CD Burela FS deu a coñecer publicamente esta tarde a súa última incorporación, o pivote internacional Jorge Valhermoso Matamoros. O fundador de Pescados Rubén, patrocinador principal da entidade, Rubén Blanco, e o vicepresidente da entidade, Manuel Blanco, acompañaron o xogador, ex do Inter Movistar, no acto de presentación.


Matamoros (Madrid, 7-11-1984) amosouse feliz e comprometido en dar o máximo para cumprir coas metas burelistas: “Prometo traballo, sacrificio e competitividade; non podo asegurar unha cifra de goles exacta, pero si traballo e axuda para cumprir os obxectivos“ dixo con humildade o flamante novo burelista, que destacou o interese amosado dende Burela para a súa fichaxe, “un club serio, do que me falaron moi ben”. O pivote xa tivo a oportunidade de entrar esta mañá na dinámica de preparación de cara á cita de Marfil: “Creo que será unha incorporación doada; xa coincidín con Mimi, Hugo e Iago Míguez no Azkar e hoxe tiven unha excelente acollida por parte de todos no adestramento”.


“O equipo sufriu o salto substancial de categoría; aínda que se estreou con xogadores con experiencia en Primeira e demostrou competitividade, esa falta de rodaxe fíxolle ceder en moitos encontros. Os partidos da casa perdeunos pola mínima; demostrouno con nós, unha xornada na que non mereceu a derrota (1-2)” analizaba así Matamoros o primeiro contacto do Burela FS coa elite, garantindo un cambio de ruta tras os últimos movementos da escuadra mariñá: “Hai equipo para salvarnos. Na segunda volta temos partidos accesibles na casa, que son os máis importantes; sacándoos adiante teremos na man a permanencia” explicou con optimismo o madrileño.


Matamoros tamén tivo unhas palabras agradables para o seu novo templo e a súa nova bancada: “Vista Alegre é un pavillón moi acolledor, pode converterse nunha ola a presión e iso é moi motivador para un xogador, e os afeccionados son o sexto xogador do Burela FS; xa os sufrín moitas veces como rival. É un bancada incrible, que apoia nos bos e malos momentos”.


Dende o club, a directiva burelista transmitiu a súa satisfacción pola chegada de Matamoros, cualificado como “un reforzo de contrastada envergadura que chega referendado pola súa sólida traxectoria e gran profesionalidade”. Así mesmo, a estrutura mariñán quixo agradecer a disposición do Inter Movistar para que as negociacións co xogador frutificasen e que finalmente Mata poida defender o 10 laranxa.

Introduce unha palabra para realizar a búsqueda de coincidencias entre todas as entrevistas.
Ou busca no noso arquivo as noticas publicadas con anterioridade.
Patrocinadores